Luar na Lubre ponlle música á paisaxe humana do Camiño de Santiago

O grupo adianta este venres dous temas de «Vieiras e vieiros», o álbum número 19 da súa traxectoria

Luar na Lubre
Luar na Lubre

Redacción / La Voz

Pode haber un fenómeno que concentre maior cantidade de historias e emocións, a materia prima para todo artista, que os Camiños de Santiago? Así o entenden Luar na Lubre, cuxo vindeiro disco, Vieiras e vieiros, fornécese da paisaxe humana da ruta xacobea, xa non só dende unha perspectiva histórica, senón dende as fascinantes aventuras dos milleiros de peregrinos que se encamiñan hoxe a Compostela. A estes dinlles Benvido, o primeiro corte do disco e que o grupo vén de adiantar este venres, xunto coa canción Mártiros e o vákner, cumprido exemplo da riqueza cultural que xerou o fenómeno xacobeo.

Ambas cancións xa están dispoñibles para a súa escoita nas plataformas Spotify, iTunes, Tidal, Deezer e Amazon Music. Tamén se pode acceder ás ligazóns dende a páxina de Warner, a discográfica do grupo galego. 

«Fixemos unha escolla e puxémoslle música a algunhas que nos parecían indispensables para entender un pouco mellor este acervo cultural que conforma o fenómeno das peregrinacións e, sobre todo, destacar o valor inmaterial e humano de todo isto», confirma Bieito Romero sobre o espírito que move o disco. Un fenómeno que viviu o seu esplendor no Medievo, época senlleira tamén para a música e a poesía en Galicia, circunstancia que o grupo non podía obviar. Romero: «A lírica medieval galega é única e recoñecida a nivel internacional. Toda esa lírica estaba en activo no século XII, tempo no que se construíu a catedral de Santiago e deron comezo as peregrinacións. Galicia foi un epicentro de relixiosidade e cultura, cunha música propia e coas influencias que nos ían chegando grazas a ese fluxo constante de xentes chegadas dende recunchos con culturas ben diferentes pero que co seu paso pola nosa terra ían deixando certas pequenas pegadas do legado do que eran portadores. De iso está empapada a música galega, de moita personalidade propia e dunha importante pegada de multiculturalidade, porque naquel tempo os camiños eran unha gran vía de conexión co resto dos “mundos”».

Recolleita do Bierzo a Fisterra

«A nosa música esta inzada de cancións relacionadas coa lírica medieval galega e somos conscientes de que somos banda sonora de moitas almas e xentes que fan os camiños», engade o gaiteiro. Luar na Lubre veu na proximidade do vindeiro Xacobeo a oportunidade idónea para este proxecto, que inclúe tamén a recolleita de sons propios dos camiños, do Bierzo a Fisterra, e que colle ademais ao grupo nun momento de «forza interna e moita creatividade» para entregar o que é, nada máis e nada menos, o seu disco número 19.

O cal non significa que Luar na Lubre non estea a pasar pola excepcionalidade do coronavirus. «É unha situación estraña e dramática que debe dar para repensarnos meticulosamente e se cabe, aprender», reflexiona Romero. «Agora toca recollerse, tentar controlar a situación e na medida do posible buscar o camiño de volver á normalidade», conclúe o músico.

«Benvido», a estrea cantando en galego de Miguel Ríos

Vieiras e vieiros encerra outra sorpresa, que non é outra que a estrea de Miguel Ríos cantando en galego en Benvido. «Dálle un toque moi interesante coa súa voz», asegura Romero. «Para nós é marabilloso poder contar coa colaboración dun músico ao que admiramos e respetamos que ademais o fixo dende o primeiro momento que se propuxo». A canción ten unha estética celta máis sen renunciar a certa influencia do pop.

No que respecta ao outro tema de adianto, Mártiros e o vákner, Bieito Romero descríbeo deste xeito: «Refírese á historia real do peregrino Mártiros de Armenia que en 1491 chegou a Compostela, recibiu a bendición do Apostolo e posteriormente continuo o camiño ata Fisterra como indica a tradición. Conta no seu caderno de viaxe que neste traxecto e nos montes de Dumbría topuse cunha besta moi maligna que el denominou como vákner da que decía que nin 25 homes podían con ela. Da besta dise que podería ser un lobismome ou un dragón pero Mártiros non da apenas datos excepto que era moi maligna e el conseguiu zafar dela, e grazas e eso chegar ao seu destino que era Fisterra. Nós fixemos unha música específica para esta historia na que os efectos ubican ao ouvinte nun ambente de tensión e de forza».

A portada do disco

A ilustración de portada do disco é obra do historiador e artista betanceiro Alfredo Erias, profundo coñecedor da Idade Media e a súa estética, que recrea para este Vieiras e vieiros. «Son un admirador da obra de Alfredo Erias, tanto nos seus traballos persoais como á fronte do museo das Mariñas de Betanzos. Pero sobre todo admiro a súa pintura e o seu coñecemento sobre o Camiño e as peregrinacións. Creimos que podería ser a persoa perfecta para ilustrar este novo CD e propuxémosllo. Vendo o resultado final creemos que o traballo que fixo Alfredo foi impresionante e que vai ter un grande recoñecemento porque adaptou a súa obra perfectamente ao noso proxecto. Só podo decir que é un gran investigador, artista e unha excelente persoa coa que foi moi doado traballar».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

Luar na Lubre ponlle música á paisaxe humana do Camiño de Santiago