A voz propia de Ricardo Carvalho Calero

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Ricardo Carvalho Calero na toma de posesión, en 1972, da Cátedra de Lingua e Literatura Galega da USC
Ricardo Carvalho Calero na toma de posesión, en 1972, da Cátedra de Lingua e Literatura Galega da USC CEDIDA

O Consello da Cultura lanza este mércores, trinta cabodano do pasamento do intelectual, un portal web que inclúe, entre outros materiais, audios das súas intervencións e o seu epistolario con Otero Pedrayo

25 mar 2020 . Actualizado a las 15:32 h.

«Desde o punto de vista literario as relacións entre Galicia e Portugal foron e deben ser algo máis que as relacións entre dous pobos. Historicamente non existe unha literatura portuguesa distinta dunha literatura galega nas orixes». Aínda que xa non exerce o maxisterio dende os estrados, a voz pedagóxica de Ricardo Carvalho Calero escóitase hoxe alta e clara. Non dende as aulas e as táboas redondas, senón dende a Internet. Coincidindo co trinta cabodano do pasamento do intelectual que este ano protagoniza as Letras Galegas, o Consello da Cultura vén de lanzar un portal web no que, entre o abondoso material disposto para a consulta hai audios das súas conferencias, como a que encabeza este texto e na que, a finais dos 80 na Facultade de Historia de Santiago ofrecía a súa visión sobre a lingua galega e portuguesa, ou tamén a súa semblanza dos catro deputados galeguistas históricos: Castelao, Alonso Ríos, Otero Pedrayo e Suárez Picallo, que coñeceu persoalmente.

Carvalho Calero volve expresarse de viva voz, e tamén coa súa letra. O especial web do Consello tamén dá a aportunidade de mergullarse no extenso epistolario entre Carvalho e Otero Pedrayo e así ler a máis de 150 cartas nas que se intercambiaron afectuosas palabras entre 1949 e mediados dos 70.

Ademais, trázase un perfil biográfico do homenaxeado nas Letras que permite coñecer a dimensión da súa figura para a cultura galega e incluése unha galería fotográfica con retratos de Moncho Rama e mais instantáneas de Carvalho canda grandes figuras do galeguismo como Ramón Piñeiro e da súa participación no congreso internacional de estudos sobre Rosalía de Castro e o seu tempo.

O Consello tamén propón coñecer os espazos que deron acubillo á vida de Carvalho Calero a través dun extenso roteiro que propón visitar máis dunha vintena de lugares en Ferrol, Lugo e Compostela e que polo de pronto, e ata que remate a crise sanitaria, só se debe percorrer de xeito virtual.