Teresa Mlawer, unha vida entre libros

O director editorial de Kalandraka, Xosé Ballesteros, lembra a unha figura senlleira nos EE.UU. nacida no concello da Guarda

A editora estadounidense nacida en Galicia Teresa Mlawer
A editora estadounidense nacida en Galicia Teresa Mlawer

O 22 de abril de 2019 María F. Blanco informaba dende Nova York de que acababa de pechar El Barco de Papel, a última libraría especializada en libros en español, rexentada polo cubano Ramón Caraballo, que homenaxaba co nome do seu negocio en Queens ao poeta Nicolás Guillén. Anos antes, no 2015, xa pechara La Casa Azul, en Harlem. No 2007 tamén desapareceran Macondo e Lectorum. Semellaba que as librarías hispanas non tiñan cabida en Nova York. Mais a fin daqueles espazos non era un caso excepcional porque a realidade é que a irrupción da venda en liña e do fenómeno Amazon estaba provocando moitos peches. Mais Lectorum foi quen de reinventarse e pasou de ser unha libraría de referencia a converterse na principal distribuidora de libro español nos Estados Unidos. Nas orixes dese proxecto ambicioso foi fundamental o papel de Teresa Mlawer, que faleceu hai uns días en Nova York, vítima dun cancro. Teresa foi unha das grandes damas do sector editorial hispano: libreira, promotora de literatura infantil e xuvenil, distribuidora, tradutora e formadora, facilitou que o álbum ilustrado en español e a mellor LIX chegasen a cada recuncho dos EE.UU. Ela recoñecíase como unha «amante dos libros» e desexaba alcanzar «o corazón das nenas e dos nenos» coa literatura. Reivindicaba a súa condición latina —«orgullosos de lo que somos», dicía— nun país non sempre favorable ás diferenzas e apostaba pola edición en papel «para facer do libro unha experiencia palpable». Nunha entrevista recordaba con emoción a influencia que o seu pai tivera na súa formación literaria; era el quen lle contaba os contos. O que a súa biografía oficial non conta, pero si nos tiña confesado en confianza, é que ela nacera en Camposancos, no concello da Guarda, e que emigrara coa súa familia a Cuba cando aínda era moi pequena. Anos máis tarde, en 1962, mudouse a EE.UU. Teresa gardaba na memoria unha imaxe nítida da súa nenez: unha meniña montada nun burro. Só regresou nunha ocasión ao seu lugar de nacemento para recoñecer aquela terra de orixe.

Contábanos Teresa —co acento cubano que nunca chegou a perder— nunha das moitas ocasións nas que compartimos conversa demorada, que un dos seus títulos favoritos era A historia de Erika, o fermoso libro escrito por Ruth Vander Zee e ilustrado por Roberto Innocenti. Quizais aquela nena, lanzada á vida polos seus pais dende un tren con dirección a un campo de exterminio nazi, simbolizaba para ela moitas cousas. A memoria perdura nos libros; a memoria e os libros poden curar. Teresa Mlawer construíu co seu marido, Bill Mlawer, un proxecto editorial, Lectorum, que hoxe en día segue a ser chave na distribución de libros en español nos EE.UU.

Cando se poidan celebrar novamente as feiras internacionais, despois deste pesadelo pandémico, volverán tamén as apertas. Pero botaremos moito en falta os dous bicos de Teresa.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Teresa Mlawer, unha vida entre libros