Chano Piñeiro, o cineasta que tiña un soño

miguel anxo fernández

CULTURA

Chano Piñeiro, á esquerda, con Miguel Insua e Roberto Vilda Bolaño na rodaxe de «Sempre Xonxa»
Chano Piñeiro, á esquerda, con Miguel Insua e Roberto Vilda Bolaño na rodaxe de «Sempre Xonxa»

Nos 25 anos, este sábado, do seu pasamento, fica na memoria cultural de Galicia como sólido referente fundacional, pioneiro dun cine propio que xa é posible

21 mar 2020 . Actualizado a las 14:01 h.

Cando Chano Piñeiro (1954-1995) andaba a levantar Sempre Xonxa, obra mítica no relato histórico do noso audiovisual, en 1985 fixaba nun artigo esa frase clave no seu frontispicio: «Facer cine en Galicia é posible. Facer cine en Galicia é necesario». Non afirmarei que o filme protagonizado por Uxía Blanco acade categoría de culto -iso é a condición daquelas obras resistentes ao paso do tempo para deixar tal pouso que gañan a cada visionado-, pero ninguén cuestiona a súa condición de referencial: produciuse en Galicia e falouse en galego. Certo que na súa estrea estivo acompañado en 1989 de Continental, de Xavier Villaverde, e de Urxa, de Alfredo G. Pinal e Carlos A.L. Piñeiro, igualmente a valorar e tamén fundacionais, pero o caso de Chano era outro.

O de Forcarei, máis alá das aulas en Compostela para chegar a boticario xunto a súa dona Mariluz, soñaba o cine. Foi así como escribiu o seu primeiro guión en 1976 para recoller no modesto súper 8 a curta Os paxáros morren no aire. E con esa obra seguiu a andaina dos pioneiros ambulantes de comezos de século, cando por camiños e congostras, en cabalos ou en carros, proxectaban polo país adiante. Como deixou escrito: «Andabamos polos pobos, vilas e cidades co chiringuito ás costas. Iamos Pablo Barreiro e mais eu co proxector, un preamplificador e un amplificador de son e mesmo os bafles. Algunha vez ata levamos a pantalla». E despois foi enchendo o fardel da súa obra. Representaba un arquetipo, o do autor na procura do contacto directo co seu público natural, consciente de que sen público non hai cine, galego ou calquera outro.

 

Alguén coas ideas claras

E botouse á procura de cartos, petou nas institucións para facerlles ver a necesidade de imaxes propias e faladas na lingua matria. E cando xa fixo a curta Mamasunción, no profesional 35 mm., paseouna por medio mundo, tamén en festivais de prestixio e recollendo premios abondo. Era un tipo coas ideas claras, e repasando o seu labor coa distancia que deixa o tempo, acordamos que fincou os alicerces do que agora é un audiovisual diverso e vigoroso. Moitos dos nosos cineastas camiñan agora pola senda que trazou e usando ferramentas semellantes. Isto non supón desconsiderar en absoluto aos seus contemporáneos, igualmente sumados ao labor común dun imaxinario propio, pero Chano fixo de Sempre Xonxa unha loita case épica, como antes levou a Tía Sunción Racamonde, mesmo ás antípodas, a Melbourne, onde por vez primeira escoitaron a nosa fala nunha pantalla. Ás veces escoito que a súa Galicia de ficción tiraba ao tópico, pero e que?... Iso non resta valor a un autodidacta que filmaba co corazón e tiña un proxecto de país en imaxes. De ter seguido entre nós, sería un tipo feliz mirando a onde chegou o seu soño.