Cara a unha profesionalización da danza tradicional galega

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Encontro de baile galego Foliada do Río Grande, celebrado en Vimianzo
Encontro de baile galego Foliada do Río Grande, celebrado en Vimianzo Ana Garcia

O sector reclama que o baile galego teña o seu espazo nos currículos de ensino

19 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Castelao que se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma. E do baile, abofé. A danza tradicional tivo, e ten, forte arraigo e pouca regulación. Porque unhas 20.000 persoas teñen algún tipo de ligazón co mundo da danza tradicional, atravesada aínda polo amateurismo. «A meirande parte da xente implicada está cun estatuto semiprofesional e pide unha regulación». Esa petición foi un dos puntos fortes da xornada O estado da danza en Galicia que organizou o Consello da Cultura, que este mércores publicou as conclusións do foro coordinador por Natalia Balseiro e Dolores Vilavedra.

Unha das principais reivindicacións é que o baile tradicional teña o seu espazo nos conservatorios, igual que ten o flamenco. «Iso ten as súas materias nos conservatorios, así que nós reivindicamos que nos conservatorios de Galicia teña un papel o baile tradicional». Quen fai a reflexión é Dolores Vilavedra, que ademais de coordinar a xornada, na que se deron cita medio cento de persoas, é a coordinadora da sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura. Esa, e que se forme ao profesorado na cuestión, «igual que preparas ao profesorado en novas tecnoloxías ou para inglés, pódese montar unha estrutura» para ensinar a ensinar danza tradicional.

Trátase, en definitiva, de coller os puntos, de crear de xeito urxente unha serie de estruturas que canalicen o ensino do baile tradicional galego a diferentes niveis para así contribuír ao recoñecemento social dunha expresión cultural que segue a ter arraigo na comunidade, pero que foi perdendo co paso dos anos.

E non só é regular a profesionalización. Tamén é normalizar a súa aprendizaxe no ensino formal e tamén no informal. «Non entendo que na clase de educación física en secundaria o alumnado baile bailes de salón e non se dea baile tradicional, que ademais é un exercicio físico estupendo e completísimo», subliña a coordinadora. De feito, unha das conclusións da xornada fala da incorporación das escolas de ensinanzas artísticas aos ámbito universitario -unha medida anunciada polo ministro de Universidades, Manuel Castells, na súa primeira comparecencia no Congreso- para así permitir abrir liñas de investigación sobre esta cuestión e tamén a posibilidade de creación dun mestrado especializado que funcione como canle de entrada da danza tradicional nos currículos do ensino medio e superior.

Iso no ámbito do ensino formal, pero tamén está o informal. En todo o que son actividades extraescolares «ten que recuperar un espazo que tivo, porque o baile tradicional tivo moito máis protagonismo» que se perdeu durante os anos da Transición e que agora se recupera por outros camiños.

Un deses vieiros que hai que abrir ten que ser o de arrincar a etiqueta máis étnica para darlle unha proxección cultural, histórica e identitaria á danza tradicional de Galicia. «Que a xente o reivindique como propio e que todo o mundo saiba bailar un par de puntos. Que soe unha muiñeira e saber que facer, igual que en Andalucía soa unha sevillana e todo o mundo sabe bailar», afirma Dolores Vilavedra.

«Un oficio que non xerará valor mentres non se coñeza»

A xornada do Consello da Cultura serviu tamén para facer unha reflexión sobre o estado da profesión na comunidade, unha profesión «que non xerará valor mentres non se coñeza». Entre as conclusións que se recolleron está a necesidade de que o Centro Coreográfico Galego «debe recuperar e potenciar o seu papel de núcleo de referencia e promoción da danza, máis alá de mero centro de promoción de espectáculos».

A desaparición da figura de director ou directora do centro que contemplan os novos estatutos da Agadic foi uns dos puntos máis polémicos do foro e de feito, a raíz del abriuse o camiño para a creación dun Plan Integral da Danza en Galicia, outra das grandes reivindicacións do sector, que reclamaba tamén ser tido en conta na elaboración desta planificación estratéxica.

A continuidade e dotación orzamentaria do Centro Coreográfico Galego é tamén central para o sector profesional, caracterizado sobre todo pola diversidade, unha diversidade «que debe ser coñecida e recoñecida polos programadores e responsables públicos da cultura en todo o territorio galego».

O apoio á creación tamén é fundamental. As conclusións da xornada apelan á promoción de axudas en concorrencia competitiva específicas para o sector da danza nos ámbitos da creación, produción, investigación difusión e memoria, pero tamén que exista apoio aos proxectos que xurdan das propias comunidades artísticas «con medios suficientes», ademais de «crear as condicións da súa continuidade como única maneira de testar a súa viabilidade».