A RAG ofrece en liña máis de 150 publicacións periódicas históricas

L. R. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle do primeiro número da publicación «O Tío Marcos d'a Portela»
Detalle do primeiro número da publicación «O Tío Marcos d'a Portela» rag

«O Tío Marcos d'a Portela», primeiro periódico en galego cunha tiraxe regular, entre as novas incorporacións

12 mar 2020 . Actualizado a las 11:40 h.

O 7 de febreiro de 1876 saía do prelo o «parrafeo primeiro» de O Tío Marcos d’a Portela, a primeira cabeceira en galego que conseguiu certa permanencia no tempo, nun principio como publicación quincenal e logo semanal. O periódico impulsado por Valentín Lamas Carvajal, do que se chegaron a tirar 4.000 exemplares, pode consultarse en liña dende hai uns días grazas á última achega da Real Academia Galega a Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, que inclúe un total de 75 publicacións periódicas históricas de fondo galego conservadas na hemeroteca da institución académica. Con estas incorporacións, son xa 122 as revistas e xornais editados entre o século XIX e a primeira metade do XX dispoñibles nestes espazo na Rede grazas ao labor de dixitalización dos fondos da Academia. A RAG segue ademais a ofrecer a través da súa web outros 29 títulos que prevé incorporar no futuro a Galiciana, de maneira que as publicacións periódicas da súa hemeroteca dispoñibles en liña son xa máis de 150.

As novas dixitalizacións leváronse a cabo no 2019 grazas ás axudas da primeira convocatoria de subvencións para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia da Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia). As preto de 140.000 páxinas que enriquecen a oferta do fondo galego do século XIX e a primeira metade do XX editado a ambas as beiras do Atlántico inclúen outros títulos pioneiros da prensa en galego como O Tío Pepe, publicación quincenal agrarista editada en 1913 dende A Fonsagrada; As Roladas: folla dos rapaciños galegos (1922), o primeiro intento de facer unha revista infantil en galego, promovida por Ramón Cabanillas dende Madrid e cunha vida efémera (só saíron do prelo dous números); ou a revista católica Logos (Pontevedra, 1931-1936), que apostou tamén dende o seu xénero pola lingua galega.

O semanario Follas Novas, editado na Habana entre 1897 e 1909, e o voceiro da Irmandade Nazonalista Galega de Buenos Aires A Fouce son outros exemplos destacados da prensa galega procedente de América, xunto a revistas e boletíns de centros galegos doutras localidades da Arxentina, Cuba ou o Uruguai.