La Quintana Teatro estrea a obra «O premio», coproducida co Centro Dramático Galego

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Marián Bañobre dirixe este comedia aceda, escrita por Santiago Cortegoso e protagonizada por Victoria Teijeiro, Raquel Espada e Xurxo Cortázar
Marián Bañobre dirixe este comedia aceda, escrita por Santiago Cortegoso e protagonizada por Victoria Teijeiro, Raquel Espada e Xurxo Cortázar lucía regueiro

A compañía coruñesa representa xoves, venres, sábado e domingo no Salón Teatro a montaxe que dirixe Marián Bañobre e desenvolve un texto de Santiago Cortegoso

10 mar 2020 . Actualizado a las 20:13 h.

O compostelán Salón Teatro acolle este xoves a estrea da montaxe O premio, desenvolvida pola formación La Quintana Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). O colectivo coruñés regresa á sede da compañía autonómica, onde en outubro presentou a versión en galego de Desde lo invisible, o aplaudido espectáculo do seu debut hai doce anos. As catro primeiras funcións terán lugar nos horarios habituais do espazo santiagués: xoves, venres e sábado, ás 20.30 horas, e o domingo, ás seis da tarde.

A actriz Marián Bañobre dirixe O premio a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que levan a escena Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, quen, por certo, é candidata ao premio á mellor actriz secundaria nos María Casares por Neorretranca e posmorriña, última produción do CDG.

O premio é unha comedia aceda ambientada nun futuro próximo, no que o progreso tecnolóxico e a presión por lograr o éxito levan aos cidadáns a un estado de desánimo e frustración, agravado por unha gran crise económica por mor do envellecemento da cidadanía. Para enfrontar a situación, os dirixentes poñen en marcha unha insólita popular medida: crear un reality en directo, onde o público decide que concursante merece o premio da súa vida: «Morrer logrando a fama. Todo por un soño».