Memorias dun neno urbano en cómic

Alcalá lembra que Carvalho Calero foi o valedor desta novela que segue vendendo e que Manel Cráneo traslada ás viñetas

Manel Cráneo (arriba á dereita) leva ao cómic «A nosa cinza», de Xavier Alcalá
Manel Cráneo (arriba á dereita) leva ao cómic «A nosa cinza», de Xavier Alcalá

«É unha gran novela pero nunca pasará a censura». Isto comentaba Ramón Piñeiro, a primeira persoa que leu o texto orixinal de A nosa cinza. Carvalho Calero, no ano 1978, dicía: «Isto hai que publicalo». E dous anos despois, en 1980, a editorial Follas Novas publicaba «unha das obras máis populares da narrativa galega», salientan desde Galaxia, a editorial que a vén reeditando desde 1987. Porque son, detalla o autor, Xavier Alcalá (Miguelturra, Ciudad Real, 1947), «cinco edicións e 15 impresións de A nosa cinza que suman 60.300 exemplares, dos que foron vendidos preto de 60.000 (a 31 de outubro do 2019 eran exactamente 58.401). Estes son os datos de produción e vendas postos ao día por Galaxia, que é unha empresa formal». 

Infancia perdida

Para Carvalho Calero «o mantemento firme desta novela dentro dos límites da épica non supón ausencia de poesía lírica na mesma. A nosa cinza non é un poema lírico enmascarado de novela, como tantas novelas autobiográficas. Non, mais a evocación da infancia perdida, realizada con evidente autenticidade, desde o comezo do libro tinxe de lirismo algunhas páxinas do mesmo, nas que nos sobrecolle a araxe de poesía da realidade cotiá». Isto escribía en A modo de prólogo, un texto que foi publicado como limiar crítico de A nosa cinza durante sucesivas edicións. O éxito de estas memorias de «un neno urbano», dicía Alcalá levou a Galaxia a elaborar unha guía de lectura que está na súa web.

Pero o camiño desta obra protagonizada por Xoán, un rapaz que medra durante os anos da posguerra, ten unha intrahistoria que daría para outra novela. Así, conta o autor como despois de que se esgotaron os 3.500 exemplares da primeira edición, houbo outras dúas da Editorial Nos [«sen acento»], «ou sexa 8.000 máis». Cando deu quebra este selo «houbo un pirata que seguiu producindo a ritmo de petición do mercado, uns 2.000-4.000 exemplares por ano. Os de Galaxia calcularon que esa xente vendeu entre 8.000 e 16.000 exemplares». Como chiscadela conta o escritor que nestes exemplares «a letra cada vez era menos negra, como se non tivera tinta». Aquilo acabou, lembra, cando Carlos Casares, responsable de Galaxia, foi ver ao editor pirata para que deixara de imprimir a novela ou «a próxima vez vimos cos do tricornio».

Resume Alcalá que son oito edicións e 18 reimpresións polo que nos 40 anos da novela «habemos andar entre 79.000 e 87.000 exemplares. Polo tanto ben se pode chamar long-seller», un cualificativo do que gusta o escritor xa que «son libros que levan moitos anos vendéndose». É o caso de A nosa cinza que tivo a maior reedición en 1989 con 10.000 exemplares, e ao longo nos anos noventa outras catro de 4.000 cada unha. 

Tradución ao portugués

Na actualidade A nosa cinza segue vizosa xa que está publicada en castelán, «en proceso de tradución/ adaptación para lectores en portugués» e Manel Cráneo está convertendo o texto nunha novela gráfica «Estou adaptando A nosa cinza, que é un dos grandes betseller da literatura galega. É un clásico con autor vivo e poder traballar con Xavier é unha marabilla». Isto contaba Manel Cráneo cando empezou a converter en novela gráfica o texto de Alcalá. Este é un proxecto «no que traballei tamén con Alfredo Ferreiro, que é poeta e fixo un guión literario sobre o que eu teño que facer a planificación, desglosar e facer un guión técnico. Facilítame o traballo, pero é unha responsabilidade tremenda». O traballo de Cráneo, un referente entre os debuxantes galegos, está moi avanzado, será publicado por Galaxia e terá tamén unha versión en castelán. Será un novo paso na vixencia dunha novela que foi lectura de milleiros de estudantes que se vían reflectidos na historia das vivencias de Xoán. Manel Cráneo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Memorias dun neno urbano en cómic