«Follas novas», este domingo con La Voz

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle do retrato de Rosalía de Castro realizado por Modesto Brocos
Detalle do retrato de Rosalía de Castro realizado por Modesto Brocos

O poemario de Rosalía inaugura este domingo, Día da Muller, a colección literaria coa que La Voz rende tributo ás pioneiras na defensa do papel da muller na sociedade. O lector poderá levar o libro á casa por 1,95 euros mais o cupón

07 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz de Galicia festexa este domingo, 8 de marzo, o Día da Muller coa publicación da obra de Rosalía de Castro Follas novas, que inaugura a colección literaria -As precursoras- coa que o periódico rende homenaxe ás tres pioneiras maiores en Galicia da reivindicación dun papel da muller na sociedade pleno de dereitos. Xa no pequeno prólogo que a poeta padronesa redacta para o seu libro confesa: «O que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres: criaturas amantes para os seus i os estraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo como brandas de corazón e tamén tan desdichadas que se dixeran nadas solasmentes para rexer cantas fatigas poidan afrixir, a parte máis froxa e inxel da humanidade».

Hoxe ninguén discute o avanzado posicionamento que practicaba Rosalía nun tempo gobernado polos homes, onde ela impuxo ardua e traballosamente a súa independencia persoal e intelectual. De feito, con só 21 anos xa publicara Lieders (Vigo, 1858), un ensaio no que cuestiona abertamente a sociedade patriarcal na que vive e que se ten polo primeiro manifesto feminista de Galicia.

O poemario rosaliano dará paso en sucesivos domingos á novela de Emilia Pardo Bazán La Tribuna (15 de marzo) e ao ensaio de Concepción Arenal La mujer del porvenir (día 22). O lector poderá adquirir cada un dos libros a un prezo de só 1,95 euros mais a entrega do cupón que incorpora no lombo o diario dominical. 

De esquerda a dereita, Ángel Mato, Ana López, Gonzalo Muíños e José Ramón Mosquera
De esquerda a dereita, Ángel Mato, Ana López, Gonzalo Muíños e José Ramón Mosquera vitor mejuto

Compromiso das institucións

Os concellos de Santiago e Ferrol e o centro comercial Marineda City sumáronse á aposta de La Voz pola muller e a cultura. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, apoia a publicación de La mujer del porvenir de Concepción Arenal no seu bicentenario. A xerente de Marineda City, Ana López, fai o mesmo con La Tribuna, de Pardo Bazán, e o concelleiro responsable de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas e cuarto tenente de alcalde de Santiago, Gonzalo Muíños, apoia xunto co xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, a edición de Follas novas. Institucións, empresas e cultura van da man para traballar pola igualdade da muller, obxectivo no que Rosalía, Pardo Bazán e Concepción Arenal foron unhas adiantadas.