Rodin-Giacometti


Con demasiada frecuencia, moitos dos nosos expertos e críticos de arte fálannos duns supostos diálogos entre as obras artísticas de determinados autores, que virían revelarnos a suposta ou real proximidade entre as súas creacións. Algo disto pasoume ao visitar a exposición «Rodin-Giacometti», na sede da Fundación Mapfre en Madrid. Porque é ben certo que estaba ante as obras de dous xenios, pero o diálogo que se propoñía entre as súas creacións non estaba tan claro. E non o estaba porque o grande Auguste Rodin naceu en París en 1840 e finou en Meudon en 1917, mentres que Alberto Giacometti veu ao mundo en Borgonovo (Suíza) en 1901 e morreu en Coira (tamén Suíza) en 1966. A realidade é que, persoalmente, non se coñeceron nunca. De feito, Giacometti chegou a París en 1922, é dicir, cinco anos despois da morte de Rodin.

É certo que Giacometti se interesou moito pola obra do magno escultor francés e aprendeu ben del, pero… dialogar, persoalmente, non dialogaron nunca. Logo, cando falamos do seu diálogo, en realidade estamos a falar da influencia de Rodin en Giacometti e da resposta que o suízo lle deu a un creador que moi axiña el acolleu como xigante da escultura moderna e, xa que logo, como mestre seu. Algo que non lle resta vigor e personalidade propia á obra de Giacometti, que, dalgún xeito, continúa o vieiro aberto por Auguste Rodin, aínda que o faga á súa maneira, abrindo moi novos camiños de deformación e distanciándose do propósito escultural conmemorativo-monumental do seu mestre. Polo tanto, o seu diálogo foi, máis ben, un monólogo do pesimista suízo ante a obra do vitalista francés, é dicir, introducindo novas fórmulas e obxectivos. Sobre esta base comeza a medrar unha visión surrealista de Giacometti, que se converte logo nun motor da súa obra. Algo que lle permite profundar no arte do pasado e concibilo todo como algo simultáneo.

Non, Rodin e Giacometti non dialogaron nunca, pero é certo que as súas obras forman parte da evolución histórica da escultura. Por iso creo que está ben dexergar a influencia do francés no suízo, pero sen caer na suposta privacidade dun diálogo imposible.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Rodin-Giacometti