«Follas novas», o poemario de Rosalía que funda a «nación das mulleres»

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle dun retrato de Rosalía realizado polo pintor Modesto Brocos; á dereita, exemplar da edición de «Follas novas» que ofrece La Voz este domingo
Detalle dun retrato de Rosalía realizado polo pintor Modesto Brocos; á dereita, exemplar da edición de «Follas novas» que ofrece La Voz este domingo

As precursoras. Rosalía, Pardo Bazán e Concepción Arenal son piares en Galicia na vindicación do papel da muller na sociedade. La Voz ofrece as súas obras máis representativas nesa loita. O lector poderá levar á casa «Follas novas» este domingo a un prezo de 1,95 euros mais o cupón de periódico

04 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Rosalía mantén como columna vertebral da súa obra un feminismo pioneiro e lúcido», gusta dicir a profesora María Pilar García Negro, quen enxalza «a capacidade profética realmente rechamante» da poeta. Ao que engade Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro: «A nación de Follas novas (1880) é a nación das mulleres». Hoxe ninguén discute que a escritora padronesa é unha figura fundamental na loita polos dereitos da muller, e que este poemario se sitúa na cerna desta batalla, xunto a outras obras súas como Lieders (publicado en Vigo, en 1858, cando tiña 21 anos) e Las literatas (Lugo, 1865).

Con esta certeza, La Voz de Galicia inaugura con Follas novas unha colección de libros que integrará as tres autoras -poderían ser máis- cuxo labor resultou moi relevante na reivindicación en Galicia do papel da muller na sociedade, Rosalía, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal, representadas neste proxectos -As precursoras- con senllos títulos tamén capitais na longa andaina do feminismo.

Tras Follas novas, que o periódico porá a disposición dos lectores o vindeiro domingo -coincidindo coa celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora-, completarán a colección, cada domingo seguinte, a novela de Pardo Bazán La Tribuna e o ensaio de Arenal La mujer del porvenir.

O lector de La Voz poderá conseguir cada un dos libros a un prezo de só 1,95 euros mais a entrega do cupón que incorporará no lombo o periódico dominical.

A edición de Follas novas abre cun breve prólogo a cargo da poeta Luz Pozo Garza, no que desprega un fermoso diálogo cos versos rosalianos.

Tres domingos

«Follas novas» entrégase o 8 de marzo, Día da Muller. O domingo 15 tócalle a «La Tribuna», de Pardo Bazán, e o 22 a «La mujer del porvenir», de Concepción Arenal.