Vida e obra de Magín Blanco

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Magín Blanco, nun concerto en Compostela, na praza da Quintana
Magín Blanco, nun concerto en Compostela, na praza da Quintana Marta Ferreiro

A biografía «O camiño da luz», de Carlos Rego, percorre a traxectoria do músico ourensán

03 mar 2020 . Actualizado a las 15:06 h.

Os moitos seguidores das cancións de Magín Blanco teñen agora unha cita coa súa biografía, O camiño da luz (Edicións Embora), escrita por Carlos Rego (Ourense, 1965) dende a sensibilidade dun músico e coa vocación de coñecer mellor as circunstancias vitais e a personalidade do artista tralas composicións. O volume percorre a traxectoria de Blanco, dende os seus inicios a finais da década dos setenta en Compostela e o seu primeiro grupo, Voyeur, pasando polo conxunto co que se deu a coñecer ao gran público, La Rosa, e a súa xeira en solitario, ademais de proxectos compartidos.

Un retrato cumprido das inquedanzas dun artista, pero que tamén reflicte os avatares dunha xeración, á que a fin do franquismo colleu nos anos mozos e que abrazaron a música como xeito de expresión e tamén como unha bandeira da liberdade, persoal e creativa. Nese sentido, as primeiras páxinas, que transpiran a atmosfera do Santiago estudantil e a consolidación do rock, son especialmente interesantes, e non é argumento menor a lembranza que deita sobre ese período Nancho Novo, hoxe actor e naquela altura compañeiro de fatigas musicais de Blanco.

Para Rego, na súa condición de biógrafo, esa etapa tamén revestiu un interese notable. «Apenas coñecía os anos de formación, a época do descubrimento da música como algo vital para el nos anos 70, e o ambiente no que se moveu pouco despois en Santiago. Non sabía que asistira ao mítico concerto de The Smiths no Parque do Oeste!», explica.

Rego, que tamén ten unha importante traxectoria de seu na música, en grupos como Cosecha Roja e Burgas Beat, recoñece a influencia que Blanco exerceu nel, tanto nos aspectos técnicos -«acordes que el usaba con frecuencia»- como pola súa actitude: «A renuncia a renderse, a tenacidade, o gozar da música sen agarda pola resposta».

O biógrafo tamén tirou conclusións no proceso, como a revalorización de discos de Magín Blanco que no seu día pasaron inadvertidos -el cita Gatuxo, que lle parece «do mellor e máis arriscado»- ou a calidade das súas composicións para un público infantil, tanto na proposta musical como nas letras.

Magín Blanco. O camiño da luz complétase cun limiar de Xavier Valiño e un epílogo emocionante onde Rego dá noticia de como influíron a última hora dolorosos e imprevistos sucesos, co libro xa case pechado, así como unha detallada lista da produción discográfica do biografado, un álbum fotográfico e un cedé cunha selección de cancións de Blanco entre 1985 e o 2017, maqueta de Voyeur incluída.