A viaxe dos homes de ferro

Alejandro García Chouciño
a. g. chouciño A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

O escritor Alfredo Conde relata a aventura de catro irlandeses que fixeron o Camiño de Santiago por mar, nunha novela que podería converterse en película ou serie

28 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Catro irlandeses de 60 anos que se somerxen na aventura de realizar o Camiño de Santiago por mar desde Dublín. Trátase dunha historia real que se desenvolveu a bordo do Naomh Gobnait —un currach, embarcación tradicional irlandesa—, en catro etapas realizadas entre os anos 2014 e 2016. O reto non quedou nas augas atlánticas do océano. Retomouno o escritor ourensán Alfredo Conde (Allariz, 1945). «Eu non coñecía a historia, ata que un día me chamou o editor Alejandro Diéguez [do selo Ézaro], contouma e propúxome botarlle peito e narrala nun libro. Neses momentos lembrei a Hemingway e a O vello e o mar».

Conde botoulle peito finalmente e aceptou o desafío. Así naceu Homes de ferro, a súa última novela, que anda a presentar por distintos lugares de Galicia —onte parou na librería Arenas, na Coruña. O escritor explica que é unha narración «construída a partir dunha realidade na que a maioría dos feitos son certos, pero non o é o que pensa cada unha das personaxes. Quería ter a liberdade de escribir o que me viñese á cabeza».

Son 2.500 quilómetros de traxecto nos que o escritor se plantexa que ocorre nun barco de seis metros de eslora. «Aí non meditas, como pode suceder cando fas o Camiño a pé. A convivencia é complicadísima. Se chegan a ir mozos de 20 anos non chegarían ao final, mataríanse entre eles», di Conde.

Alejandro Diéguez avanzou no encontro que, ademais de estar dispoñible en galego e castelán, «o libro tamén se editará en inglés».

Tamén o presidente da entidade que reconstruíu o bote, a Asociación Galega do Patrimonio Industrial Buxa, Manuel Lara, adiantou que «este novo fito, no marco do colectivo cultural Buxa, podería ir seguido dun proxecto audiovisual». Ao que Conde engadiu que tanto podería ser serie ou película.