Rescatan a Orwell para o galego coa súa célebre novela «A granxa dos animais»

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

George Orwell
George Orwell

Con este libro, e coa novela «1984», o comprometido narrador británico compuxo un díptico clave sobre as sociedades totalitarias

24 feb 2020 . Actualizado a las 20:28 h.

Cando se cumpren 70 anos da morte de Eric Arthur Blair, nome real de George Orwell (Motihari, India, 1903-Londres, 1950), a editora pontevedresa Kalandraka rescata do seu catálogo a tradución que publicou no 2010 (a cargo de Fernando Moreiras) da célebre novela A granxa dos animais [Animal Farm, 1945], tamén coñecida como Rebelión na granxa. Con este relato e 1984 (apareceu en 1949 e inauguraba o concepto de Irmán Grande), o comprometido narrador británico compuxo un díptico clave sobre as sociedades totalitarias aínda hoxe non superado. O caso de A granxa dos animais é moi relevante como ferramenta educativa porque presenta varios niveis de lectura, un deles perfecto para introducir o asunto das ditaduras entre o público xuvenil e nos institutos de secundaria. Mediante a explotación dos animais polos amos, contra os que se levantan para facerse co poder, e logo abusar del, o texto -escrito durante a Segunda Guerra Mundial- fai unha crítica de carácter pioneiro ao réxime soviético, pero a súa validez é universal.