Hugin e Munin: os corvos literarios

A aposta da editorial galega pola tradución vai camiño de cumprir os dez anos

O editor Alejandro Tobar, na libraría Couceiro de Santiago
O editor Alejandro Tobar, na libraría Couceiro de Santiago

Que a tradución é un factor de normalización cultural é un feito incontestable. A cen anos de que o grupo Nós reivindicase con feitos a relevancia da tradución á lingua galega de textos da literatura universal -velaí a presenza significativa duns capítulos do Ulises de James Joyce en galego na revista Nós- a editorial compostelá Hugin e Munin, que ten por emblema eses dous corvos mensaxeiros da mitoloxía nórdica que lle levaban as novas do mundo ao deus Odín e que simbolizaban tanto a memoria coma o pensamento, vai camiño de completar o percorrido da súa primeira década de existencia coa recente publicación de dous volumes como son As confesións dunha filla do século, de Donna Paola en tradución de Isabel Soto e A xente de Hemsö, de August Strindberg, en tradución do sueco a cargo de Marta Dahlgren.

O proxecto que representa Hugin e Munin aterrou nun momento difícil e fixo unha aposta decidida por ofrecer títulos da literatura estranxeira que gozasen de calidade contrastada, traducidos con profesionalidade e que, fundamentalmente, se sostivese en base á existencia dunha comunidade de subscritores que reciben dúas obras ao trimestre. Velaí un dos factores que fan desta unha empresa economicamente sustentable no ámbito da tradución literaria, ao que Alejandro Tobar, un dos socios da empresa, engade unha planificación rigorosa, a concentración de esforzos para construír un catálogo con voces de referencia -Raymond Chandler, Siri Hustvedt, Arthur Schnitzler, M. Wollstonecraft, Sartre, Asimov, Camus, Pasolini ou August Strindberg- e a adopción duns criterios clásicos de edición, sen esquecer «a preferencia polas fórmulas patrimoniais galegas, na fraseoloxía e no léxico» nin a alternancia «entre obras con e sen dereitos de autoría. Os libros que requiriron a merca dos dereitos supoñen o 30 %. En ocasións, mercámolas mesmo a sabendas de que serán deficitarias, coa idea de compensalas con outras pezas que, dentro do mesmo ano, sexan máis rendibles no plano comercial».

O proxecto deste selo adquire corpo nun catálogo sólido conformado por case noventa novelas ou novelas curtas, traducidas desde as linguas orixinais por preto de vinte tradutoras e tradutores. Fóra dun par de títulos que non cumpriron as expectativas, os máis afortunados por teren unha maior demanda, foron «A asasina, de Alexandros Papadiamandis, ou o noso primeiro título, Servizo de Correos, do norteamericano Charles Bukowski»; no ámbito da ficción científica Tobar salienta clásicos como «As covas de aceiro de Isaac Asimov ou Cita con Rama de Arthur C. Clarke», alén da novela O verán sen homes de Siri Hustvedt «con cuxa axente tivemos que renegociar o pasado xuño unha extensión do contrato que nos permitise reimprimir máis do tope inicialmente pactado, unha vez que a narradora foi distinguida co Premio Princesa de Asturias das Letras de 2019».

Hugin e Munin depositou especial atención, tal e como formulaban nos primeiros pasos do seu camiño, ás literaturas inglesa, francesa e italiana, tamén ás literaturas nórdicas e outras que poderiamos denominar minorizadas, incorporando, ademais, unha palpable heteroxeneidade en canto aos xéneros como demostran propostas que van da ficción científica á novelística colonial, da novela realista á de aventuras, da negra ao de terror. Serie complementada coa epigrafada «Vólvense os paxaros contra as escopetas», que incorpora outros textos de carácter máis diverso. 

Preferencias

É inevitable que sempre xurdan preferencias. Tobar queda, como editor, co título A contrafío de Joris-Karl Huysmans, traducida e anotada por Isabel Soto, unha novela da que apunta que «con todo o seu aire de vetusta podremia e co seu enciclopedismo atolado, é capaz de abaixarlles a crista a quen hoxe se din moderno» e cualifícaa como «un disparate moi divertido, imperecedoiro e revolucionario. No seu papel como tradutor lembra o traballo realizado para traducir Os salgueiros, de Algernon Blackwood, un dos autores de referencia de Lovecraft.

Que os corvos sigan moitos anos a voar e a traernos boa literatura universal na nosa lingua.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Hugin e Munin: os corvos literarios