Rosalía de Castro, o chapeu, a mantilla e o teatro

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Encabezamento e despedida da carta inédita de Rosalía de Castro
Encabezamento e despedida da carta inédita de Rosalía de Castro Fundación Rosalía de Castro

A fundación da escritora presenta este venres unha carta inédita que, malia a súa brevidade, ofrece datos interesantes sobre a súa vida e personalidade

20 feb 2020 . Actualizado a las 17:47 h.

«Aunque no voy nunca al teatro, tengo entendido que en esta población se estila más ir a cuerpo que con sombrero o mantilla».

Así lle escribiu Rosalía de Castro ao historiador José Villamil y Castro, amigo e colaborador do seu home, Manuel Murguía. Fíxoo ela porque «Murguía no está en casa y me tomo la libertad de contestar». Esa carta, redactada en Compostela entre 1865 e 1866, permaneceu inédita ata o de agora: está en posesión dunha familia de fóra de Galicia e ve a luz no número 4 da revista de estudos rosalianos Follas Novas, que se presenta este venres (20.00 horas) no Pazo de Lestrobe. A misiva foi descuberta por Pablo Carou Barros e a súa publicación acompáñase dun amplo estudo a cargo do presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.

Angueira subliña a importancia do achado nunha dobre dimensión, cuantitativa e cualitativa. No primeiro caso, porque aínda que Rosalía debeu de ser unha correspondente activa, só son 17, con esta, as cartas coñecidas da escritora. «O repertorio de cartas que conservamos é moi escaso, así que calquera cousa nova é importante. A aparición deste escrito demostra que hai un caudal de correspondencia aínda por descubrir, aínda que moita dela é seguramente xa irrecuperable», explica o especialista.

«A aparición deste escrito demostra que hai un caudal de correspondencia aínda por descubrir»

No cualitativo, a folla manuscrita por Rosalía ofrece, malia a súa brevidade, aspectos interesantes para seguir afondando na personalidade da autora. É moi rechamante, por exemplo, esa afirmación, tan contundente: «No voy nunca al teatro». O dato non é trivial, xa que é sabido que Rosalía era afeccionada a esta arte, e ademais como actriz amadora, tanto de nova como de casada. «Se cadra o que se ofrecía no Teatro Principal daquel tempo non era do seu interese», ofrece Angueira a xeito de explicación posible, desbotando algúns argumentos suxeridos como que Rosalía deixara de frecuentar os teatros tras casar con Murguía. O presidente da fundación da escritora tamén fai unha lectura máis política ca estética da consulta da indumentaria: «A mantilla está ligada ao tradicionalismo e o sombreiro á apertura e ao afrancesamento. Ela mesma sempre foi a pelo, nunha acción ideolóxica moi clara».

«Me tomo la libertad de contestar»

Tamén desa explicación no encabezamento -«Murguía no está en casa y me tomo la libertad de contestar»- poden extraerse trazos atribuíbles ao carácter de Rosalía: toma a iniciativa de lle contestar, sabendo que pode dar resposta á pregunta que seguramente o seu destinatario formulou na súa carta anterior, e tamén amosa a cordialidade que a unía a ela e Murguía co matrimonio formado por Villamil e María del Carmen Eduviges Santiso Cora. «Non cremos que se trate, por outro lado, de ningún tipo de subordinación nin tampouco de intromisión da nosa autora nas relacións do seu home», escribe Angueira no artigo que acompaña a carta en Follas Novas. Para este investigador, a carta achada apunta tamén a que Rosalía mantiña unha correspondencia de seu e un círculo propio de amizades, aínda que, como é lóxico, algunhas fosen compartidas con Murguía.

Este cuarto número de Follas Novas, revista que dirixe Xosé Luís Axeitos, inclúe tamén unha homenaxe a Carvalho Calero, o autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e que foi un gran estudoso da obra de Rosalía, así como artigos asinados, entre outros, por Teresa López, Xurxo Martínez e Victorino Pérez Prieto.