David Fernández: «Á música clásica haille que quitar prexuízos, non é para nada elitista»

O intérprete vigués, que leva catro anos en Holanda, estima que no eido das artes é moi enriquecedor saír fóra a formarse

David Fernández regresou por uns días a Galicia para impartir formación en Santiago
David Fernández regresou por uns días a Galicia para impartir formación en Santiago

Santiago / la voz

Empezou na Banda de Coruxo tocando a trompa, pero David Fernández (Vigo, 1979) moi pronto traspasou fronteiras. Con 20 anos foi elixido en Radio Baviera, onde estivo tres anos. Tamén pasou pola Orquestra Sinfónica de Galicia e estivo dez anos na Orquesta de la Comunitat Valenciana. Agora, nos últimos catro, é trompista principal na Orquestra Filharmónica de Róterdam, labor que combina coa participación nun quinteto de vento. Agora, por uns días, acaba de volver a Galicia para impartir clases na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago e volverá no verán para o Clasclas de Vilagarcía.

-Empezou por casualidade na música porque o que lle gustaba era o fútbol. Cando chegou o cambio do balón pola trompa?

-Foi algo do destino. A min gustábame xogar ao fútbol, pero tiña dúas tardes libres á semana. Teño dúas curmáns que estaban aprendendo solfexo na escola da Banda de Coruxo por aquel entón e á miña nai ocorréuselle enviarme alí eses dous días, e ata aquí.

-Empezou en Coruxo, pero desde moi novo saíu a tocar con outras orquestras fóra e aos 21 foi seleccionado para a de Radio Baviera (Alemaña). É preciso traspasar fronteiras para formarse?

-Penso que saír fóra dentro do ámbito artístico non é indispensable, pero vante enriquecendo cantas máis referencias teñas, máis oportunidades de escoitar a xente moi distinta, de que che conten cousas, de coñecer profesores, conservatorios, cidades, orquestras, xente que che conte mentiras e verdades. Sempre está ben coñecer cantos máis ámbitos diferentes, Non quero dicir que en España non se poida aprender ben a tocar, nin a nivel do profesorado. De feito, a maioría dos músicos teñen a experiencia estranxeira para ter unha formación máis ampla e comparar o que se fai nun sitio, noutro, o que é interesante, o que non, coñecer xente.

-Cando tivo claro que quería ser trompista e que ía traspasar fronteiras para formarse?

-Foi cando tiña 15 anos. Ata ese momento nunca me tomara en serio nin a trompa nin a música. Dábame conta de que certo talento tiña, pero non esa intención de dedicarme. Pero un día, estudando un concerto que era máis difícil do nivel que eu podía interpretar, toquei unha frase que me gustou tanto e dixen: «Vou ver se me sae outra vez así». E como non me saíu, funo intentando ao día seguinte, e outro, e a semana seguinte... e ata hoxe. Cada día que toco intento que me saia así, desde xeito que ten algo que me motiva para seguir facéndoo.

-E aí adeus balón.

-Si, adeus balón, adeus universidade, adeus todo... Sabía que me ía dedicar á música como meu fundamento.

-Que consello dá ao alumnado cando lle imparte clase?

-O primeiro é que te apaixone. Iso é o que motiva a un a querer afondar máis e máis en calquera cousa. Esa paixón lévate a seguir, pase o que pase. Se non tés un espírito de sacrificio ademais dun talento é moi difícil chegar a conseguir o que un pretende.

-No Palacio da Ópera da Coruña, acabou unha actuación interpretando unha versión de «A pantera rosa». Cal considera o camiño axeitado para achegar ás novas xeracións a música clásica?

-Esa é a pregunta do millón. Hai que quitar prexuízos, deixar que a xente sexa libre de poder acceder. A miña experiencia coa música clásica en España é que a nivel de sociedade se considera que é algo aburrido e elitista. Eu son dunha aldea ao lado de Vigo, de Coruxo, e dedícome a isto. E pódoche asegurar que non é elitista para nada, só se trata de ter a capacidade de poder gozar. Mercar unha gravación ou ir a un concerto non é para nada do máis caro que un fai, gástase máis noutras cousas. Eu penso que se un pai o fai, o fillo vaino facer, pero para iso o pai ten que ter a inquietude para facelo. Ás veces, a educación en España ten moito que ver con iso, cos prexuízos que a sociedade ten con certas cousas.

«En Alemaña e Holanda valórase moito máis aos intérpretes»

Antes era máis frecuente ver a David Fernández tocando en Galicia: ademais da Orquestra Sinfónica, tamén estivo coa Filharmonía, coa que estreou unha peza de Arriola. «Son unhas das orquestras con maior nivel que hai en España, así están consideradas», di este músico, que non descarta regresar á terra: «Nunca se sabe».

-Varía moito a forma de traballar nas orquestras de España e en Alemaña e Holanda?

-En xeral, as estruturas orquestrais se parecen moito. Logo, como traballan os músicos dentro, si que hai cambios. En Alemaña, algúns músicos teñen unha certa posición para controlar determinados aspectos dentro da orquestra, e en España todo recae en recursos humanos. Noutros países son os músicos os que cumpren esa función de ver se alguén non está a gusto, que todos estean ben. Iso é difícil, porque somos máis de cen persoas dentro dun espazo moi pequeno onde cada un ten unhas necesidades moi específicas para un traballo moi específico. E iso é realmente difícil. Non é só tocar, senón ter as condicións psicolóxicas e de contacto cos compañeiros para que o teu traballo poida ser o mellor posible.

-O xeito co que a xente se achega á música clásica tamén varía?

-En Alemaña, sobre todo, e tamén en Holanda, a gran diferenza con España e con Galicia, é que hai unha tradición de valorar isto. É dicir, un gran intérprete, un músico que consideran que ten un nivel alto, ten un estatus social moi distinto ao que hai en España. Valórase moito máis. Aquí, falo a nivel xeral -tamén hai xente que ten moitos coñecementos-, non se sabe diferenciar entre un músico de pouco nivel e de máis, porque non hai a experiencia de escoitar desde moi pequenos tocar orquestras e de adquirir ese coñecemento que só se consegue a base de comparar durante moito tempo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

David Fernández: «Á música clásica haille que quitar prexuízos, non é para nada elitista»