Máis de douscentos xeitos de achegarse a Carvalho Calero

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

Actividades de todo tipo e durante todo o ano afondarán na figura e no tempo no que viviu o protagonista das Letras Galegas deste ano

17 feb 2020 . Actualizado a las 18:32 h.

Quen pronunciou a conferencia naquel primeiro acto con procesión civil e recital poético para celebrar os cen anos da saída do prelo de Cantares Gallegos foi o profesor Ricardo Carvalho Calero. «Co tempo, foi medrando ata converterse hoxe nun movemento social imparable». Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, bota a vista atrás, cincuenta e sete anos atrás, para traer á Cidade da Cultura aquela primeira celebración das Letras Galegas. A que este ano leva o nome daquel grandísimo intelectual ferrolán que nunca tivo medo a dicir o que pensaba.

Agora tócalle a el, a Ricardo Carvalho Calero, ser materia de conferencia e de recital. Unha intensa programación de máis de 200 actividades tentará «espallar» o legado de Carvalho Calero, para que por fin penetre nas rúas e saia «dos círculos selectos pero pequenos» que ata hoxe gardaron o labor incansable do primeiro catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega.

Falaba así Margarita Carballo-Calero Ramos durante a presentación do intenso programa que servirá para remendar ese descoñecemento dun persoeiro que vén complementar a mensaxe que se lanzou o ano pasado coa escolla de Antonio Fraguas. Se o de Cotobade foi o símbolo da cultura popular, las raiceiras nas que se asenta esa gran obra colectiva que é a lingua, Carvalho Calero lanza unha mensaxe de modernidade. Dunha lingua viva, fóra dos caixóns arqueolóxicos. En íntima conexión co mundo. O pai de Antonio Fraguas emigrou a Niterói, a carón de Rio de Janeiro, e alí descubriu que a lingua de Cotobade achegábao a aquel novo país. «Esta é unha reflexión que debemos afrontar, a capacidade do galego para conectar co mundo a través da familia lusobrasileira», subliñaba o presidente da Real Academia.

Ese discurso de universalidade funciona como un espello para a Associaçom Galega da Língua (AGAL). «Hai un aspecto moi concreto da súa obra que penso que é o que en parte multiplica a súa importancia no presente e tamén acabará por ser moi importante no futuro». Eduardo Sanches Maragoto fala da vertente lusófona de Carvalho Calero. De como en 1975 comeza a reflexionar sobre a converxencia do galego co mundo lusófono. Sobre como foi o autor, en 1981, do primeiro libro en galego reintegrado da historia no que propoñía unha norma que foi adoptada inmediatamente pola AGAL, que naceu no mesmo ano que Problemas da língua galega. «A nosa función é que a sociedade non esqueza esa parte do ideario» de Carvalho Calero. Aproveitar este «acto de xustiza e de madurez cultural», nas palabras de Antonio Golpe, tenente de alcalde de Ferrol, para abrir un debate necesario.

De conectar, de ultrapasar fronteiras, de estar no mundo por dereito propio e con lingua de seu fala este Ano Carvalho Calero. Un ano «especial e diferente», segundo salientou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, sobre a programación das Letras Galegas, que este ano tamén chega a Portugal. A voz presente, exposición promovida pola Xunta para difundir a dimensión humana, artística e lingüística de Ricardo Carvalho Calero, percorrerá once concellos galegos e tamén un portugués. «Isto supón un fito de apertura e colaboración no ámbito da lusofonía», subliñou o conselleiro. A dimensión educativa está tamén moi presente no programa da Xunta, no que participan catro consellerías: Cultura, Vicepresidencia, Política Social e Educación. Haberá unha programación académica, edicións conmemorativas do traballo de Carvalho Calero e iniciativas de participación social, como a posta a disposición da cidadanía da biblioteca e o arquivo de Carvalho Calero, que custodia o Parlamento dende 1997.

A CRTVG, pola súa banda, porá en marcha unha programación televisiva monográfica sobre Ricardo Carvalho Calero e o proxecto #Cultura365 aproveitará as canles dixitais para achegar a figura do intelectual galeguista ao público máis novo.

Unha chiscadela ao centenario da Xeración Nós

 «Este vai ser un bo ano para a cultura galega». Falaba así o conselleiro dun 2020 inzado de efemérides culturais. Non só é o ano que Galicia dedica a Ricardo Carvalho Calero. Tamén é o centenario do natalicio de Isaac Díaz Pardo, o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal e celébrase o centenario da Xeración Nós.

A programación das Letras tamén ten en conta que o 2020 é un ano de celebración cultural, e por exemplo o Consello da Cultura Galega, entre as súas actividades porá a disposición da cidadanía as cartas entre Carvalho Calero e Otero Pedrayo, unha das figuras centrais dese grupo Nós que hai cen anos levou a cultura galega á modernidade e ao aperturismo que simboliza o Ano Carvalho Calero.

Ademais do tradicional Concerto das Letras, o Consello da Cultura creará un portal web no que se publicará material diverso sobre o autor. Ademais de documentos, poderán escoitarse rexistros sonoros do propio Carvalho Calero ou consultar fotografías. Tamén publicará o Consello un «libro-obxecto», segundo o definiu Dolores Vilavedra. O título escollido é A farsa das zocas, que levará un texto introdutorio do profesor Carlos Caetano Vizcaíno Fernández.

Compostela foi un dos espazos principais da vida de Ricardo Carvalho Calero e o Concello tamén deseñou unha programación para celebrar as Letras Galegas que inclúe a edición de A derrota do Scórpio, un paseo por Santiago, con fotografías inéditas de Moncho Rama, o deseño de roteiros por diversos puntos da cidade e a colaboración co proxecto principal da Associaçom Galega da Língua (AGAL), que é unha lectura colectiva e continuada de Scórpio durante 14 horas e na que participarán 350 persoas o vindeiro 16 de maio, véspera da celebración dos actos centrais de conmemoración das Letras Galegas, que inclúe a celebración do plenario da Real Academia Galega no Teatro Jofre de Ferrol. Ademais, á volta do verán organizará un simposio sobre Ricardo Carvalho Calero e o seu tempo.