A Academia achégase aos nenos para iniciar o seu tributo a Carvalho Calero

beatriz antón FERROL / LA VOZ

CULTURA

O alumnado brindoulle unha calorosa benvida a Freixanes e Casalderrey
O alumnado brindoulle unha calorosa benvida a Freixanes e Casalderrey César Toimil

A RAG presentou no CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol o portal Primavera das Letras

12 feb 2020 . Actualizado a las 00:33 h.

As pitas baixo a choiva que Ricardo Carvalho Calero (1910-2010) publicou no ano 1952 na revista Lar cobraron vida onte de novo no CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol, a súa cidade natal, por obra e graza do alumnado. Ademais de recitar versos e ler fragmentos de A xente da barreira, os rapaces vestíronse de galiñas e abriron paraugas para lembrar o insigne profesor, escritor e filólogo ferrolán ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. «Se hoxe el puidese estar aquí, sentiríase moi contento e emocionado ao ver que lle dades vida ás súas pitas baixo a choiva. Sabiades que don Ricardo lle poñía un nome a cada unha das pitas que tiña na casa? E ademais, se chovía, quería amparalas baixo o seu paraugas. Iso pasoulle de verdade, e el quixo contalo nunha historia, porque a literatura, aínda que teña moito de ficción, tamén ten que ver moito coa vida», contoulles aos rapaces a escritora Fina Casalderrey.

A representación teatral en memoria do gran pensador do reintegracionismo, xunto coa lectura dunha escolma das súas obras, acaparou parte do protagonismo dun acto promovido pola Real Academia Galega (RAG) para inaugurar o ano dedicado a Ricardo Carvalho Calero e presentar o portal Primavera das Letras. Para ese primeiro acto, a institución podería ter elixido como protagonistas a grandes persoeiros da vida política ou cultural, e xuntalos nun fastoso e luxoso auditorio, pero a Academia quixo que non fosen eses, senón os nenos e a escola, os primeiros vimbios a partir dos cales construír o seu tributo ao escritor e filólogo. «O Día das Letras é unha festa para todos, pero a Real Academia Galega ten especial interese en que os nenos e as nenas participen na celebración dun xeito activo, lúdico e, asemade, didáctico», xustificou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

Foron precisamente eses obxectivos os que levaron a Academia a poñer en marcha, no 2016, o proxecto Primavera das Letras, un portal web que cada ano dende entón reúne material didáctico para que tanto mestres como alumnos afonden na vida e obra dos protagonistas das Letras Galegas. Neste 2020, despois de moita espera, tócalle a quenda por fin a Ricardo Carvalho Calero, e no portal de acceso libre deseñado pola RAG (primaveradasletras.gal) o primeiro que encontra o internauta é un debuxo do escritor e filólogo instalado nunha nave espacial dende a cal avista Galicia, porque, como lles lembrou Freixanes ao rapaces do Cruceiro do Canido, «cando falamos do galego non estamos falando dun museo nin de arqueoloxía», senón dunha «lingua nosa e de futuro».

Os primeiros materiais dispoñibles no portal trazan a biografía do homenaxeado, ofrecen unha visión de conxunto da súa obra literaria, detéñense tamén na súa Historia da literatura galega contemporánea e convidan a saber máis da súa cidade natal, Ferrol, ou da grande paixón que sentía Carvalho polo teatro e a ópera.

A directora do CEIP Cruceiro de Canido, Concepción Requejo, recoñeceu os esforzos de autor e profesor ferrolán por «dignificar o idioma». E o alcalde, Ángel Mato, convidou aos nenos a usar a lingua da súa terra a diario. «Lembrade que o galego é algo noso, algo que nos fai especiais e diferentes».