Benvidos á fábrica de historias

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

xoán crespo

A Cidade da Cultura organiza o seu segundo obradoiro de novela, un proxecto no que participan sete dos mellores escritores en activo de Galicia

10 feb 2020 . Actualizado a las 14:21 h.

Ás veces están acubilladas na cabeza pero, por algunha razón non dan atopado o camiño ao papel. Para achaiar o territorio indómito da creatividade están Javier Peña, Arantza Portabales, Manuel Gago, Antón Riveiro Coello, Xabier Quiroga, Miguel Anxo Fernández,  Diego Giráldez, Lourdes Díaz e Siscu Pérez. Son o profesorado da segunda edición do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, que, a través de nove sesións teóricas converterán o Gaiás nunha fábrica de historias e axudarán a vinte persoas a sacar a súa propia voz literaria.

«Isto non é un obradoiro de escrita creativa», subliñaba o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo. A lo menos non como se adoita coñecer. «Non hai outro igual, polo menos en Galicia porque ten unhas características peculiares». Quen fala é Javier Peña, director do obradoiro, xornalista e escritor de éxito coa súa novela Infelices. «A maioría dos profesores son escritores en activo» e ademais escritores moi diferentes. A literatura, o proceso creativo, abórdase dende moitas perspectivas diferentes, a través de voces distintas. «Non nos pelexamos entre nós, pero temos visións moi diferentes» do que é unha novela. O máis importante, porén, é que os vinte aspirantes a novelistas adecuen as ensinanzas á súa visión da literatura.

O obradoiro remata coa presentación das corenta primeiras páxinas dunha novela. O ano pasado, catro deses textos remataron sendo sementes de proxectos literarios moi interesantes, con posibilidades de seren publicados. Un deles está a piques de rematar o seu primeiro borrador. Se cadra, nesta edición medrarán máis novelas para o sistema literario galego. Creacións de autoría moi dispar. Dende xente que ten colaborado con revistas ata outra que nunca ensinou o que escribe.

Os mellores proxectos poderán contar coa asesoría de Rolling Words, a axencia literaria de Lourdes Díaz. Ela e Siscu Pérez serán os que explicarán como funciona o mercado editorial. E os profesores escritores falarán de como comezar, da estrutura, dos personaxes e os diálogos, da corrección... «O noso soño é ver unha novela publicada».

Un millón de euros para o sector do libro

A presentación deste obradoiro, que o ano pasado esgotou as prazas en moi pouco tempo, coincidiu coa publicación das axudas da Xunta para o sector do libro, que en conxunto supoñen preto de 1,2 millóns de euros, que se destinarán ao apoio da tradución e edición do libro galego, a fomentar a participación de escritores, ilustradores e tradutores nas actividades que se realicen no sector do libro durante este ano e para o programa Ler conta moito, un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas que se desenvolve en colaboración cos concellos. Tamén se publican as bases das bolsas de formación en biblioteconomía e as axudas para adquirir novidades editoriais e mellorar as coleccións bibliográficas.