A Fundación Didac presenta a súa colección de arte e deseño

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Unha vista xeral da colección da Fundación Didac
Unha vista xeral da colección da Fundación Didac roi alonso

O sábado abre unha mostra con pezas de creadores galegos e internacionais

06 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Didac presenta a súa colección de arte e deseño cunha primeira mostra que se abre o vindeiro sábado día 8 na sede compostelá da entidade. Trátase dunha panorámica dos seus fondos que abrangue dende recoñecidos nomes do deseño galego, históricos e contemporáneos, ata grandes e influentes clásicos internacionais.

A colección preséntase a si mesma coma «un legado en construción que nace coa misión de proxectar o deseño e a arte contemporánea». Neste sentido, toma como referencia o espírito do Laboratorio de Formas de Galicia, que apostou por conxugar a raíz local coa vocación universal, ademais de ollar o pasado cunha mirada renovadora capaz de abrir novos camiños e proxectarse cara ao futuro. Non é casual, xa que logo, que a colección tome como referencia cronolóxica inaugural o primeiro número do Laboratorio, datado en 1970, aínda que a colección inclúe pezas anteriores, como a imaxe para Zeltia deseñada por Isla Couto, envases de Massó e Mondariz ou traballos editoriais, cerámicos e téxtiles de Luís Seoane. No que respecta á creadores en activo, a colección ten representados a Pepe Barro, Iván Mato, Marta Lojo ou Álvaro Valiño.

«Ramo vermello», de Seoane, á esquerda, comparte espazo cun tapiz do artista e María Elena Montero e unha cadeira de Díaz Pardo
«Ramo vermello», de Seoane, á esquerda, comparte espazo cun tapiz do artista e María Elena Montero e unha cadeira de Díaz Pardo roi alonso

As súas creacións conviven con traballos como os de Eduardo Chillida, Otl Aicher, Eduardo Arroyo, Rosmarie Tissi, Enric Satué, América Sánchez, Javier Mariscal, Cruz Novillo, Julian Opie ou Dídac Ballester. Sen esquecer a históricos como Marcello Nizzoli e Ettore Sottsass e as súas achegas a Olivetti, Dieter Rams para Braun e Paul Rand para IBM. Este último é especialmente interesante non xa polo valor da súa traxectoria, senón que tamén axuda a contextualizar o traballo de Seoane, como ocorre co de Alvin Lustig.

Na colección conviven obras de arte e obxectos de deseño, catálogos e libros de artista, revistas e carteis e todo tipo de material informativo que poida contribuír ao estudo do deseño e a arte contemporánea en Galicia. No que atinxe ao mobiliario co que conta a colección, hai pezas de deseñadores como Charles e Ray Eames, Isaac Piñeiro, Patricia Urquiola ou Philippe Starck, así como arquitectos como Álvaro Siza, Aldo Rossi, Zaha Hadid ou Tadao Ando, entre outros. Didac tamén dedica atención á cerámica, representada por Verónica Moar, Paula Ojea ou Idioa Cuesta, así como o mundo da arte, con Manolo Paz, Rubén Ramos Balsa, Sandra Cinto ou Rui Chafes, sen esquecer a contraculturais como Ventura Cores ou Víctor Moscoso.