Pedagoxía, máis necesaria ca nunca

Ramón Nicolás

CULTURA

Antón Costa, na compostelá praza de Mazarelos
Antón Costa, na compostelá praza de Mazarelos PACO RODRÍGUEZ

O profesor Antón Costa dirixe a colección de Kalandraka dedicada á educación

03 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A pedagoxía defínese tradicionalmente como a capacidade para ensinar ou educar, e tamén como unha ciencia que se ocupa da educación e do ensino, isto é, do proceso de formación dunha persoa. Teño para min que é algo relevante a ter en conta nestes tempos, ao que sen dúbida axuda o acceso a textos clásicos e contemporáneos desta ciencia. Para facelo na nosa lingua, con rigor, didactismo e espírito crítico existe a colección Biblioteca de Pedagoxía que publica a editorial Kalandraka baixo a dirección de Antón Costa Rico, catedrático de Teoría e Historia da Educación. Un proxecto que, ademais, foi galardoado o ano pasado co premio á mellor iniciativa bibliográfica na cuarta edición da Gala do Libro Galego.

A colección -herdeira de propostas illadas que viron a luz hai anos e que deron a coñecer textos de Célestin Freinet, Jean-Jacques Rousseau, Luis Bello, María Barbeito ou John Dewey- acolle, ata o momento (e en pouco máis de cinco anos), un total de dez títulos irmandados polo concepto de «pedagoxía innovadora», como testemuñan os ensaios subscritos por Francesco Tonucci, Jean Piaget, Maria Montessori, Paulo Freire, Lev Vigotski, Philippe Meirieu, Freinet, a magnífica Carta a unha profesora da Escola de Barbiana ou unha recente proposta que incorpora unha referencia de investigación galega a cargo de Salvador Cidrás e Vicente Blanco, titulada Educar a través da arte.

Para Antón Costa a existencia da colección supuxo un desafío para o que se escolmaron textos e documentos acaídos de cara a acadar o que denomina unha «formación lenta», individual e comentada, que promova asemade «unha educación crítica, activa e democrática». Neste sentido, os libros de Tonucci resultaron un verdadeiro talismán, mais a xuízo de Costa, «de momento, para min, o título estrela está aínda fóra da colección e trátase de Democracia e educación de Dewey». Tamén agarda por libros de «Mario Lodi, e outros de Jerome Bruner ou Élise Freinet. Depositei moita confianza en Philippe Meirieu, porque é moi do noso tempo. E a ver se antes dun ano puideramos contar con el mesmo en Galicia».