Estrea mundial de «Lúa vermella», nova película de Lois Patiño, na 70.ª Berlinale

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O cineasta Lois Patiño, nunha imaxe de arquivo, durante unha exposición que realizou na galería Vilaseco
O cineasta Lois Patiño, nunha imaxe de arquivo, durante unha exposición que realizou na galería Vilaseco MARCOS MÍGUEZ

20 ene 2020 . Actualizado a las 22:21 h.

O director galego Lois Patiño (Vigo, 1983) regresa ao litoral na súa segunda longametraxe, Lúa vermella, despois do exitoso periplo da súa primeira cinta, Costa da Morte (2013), un traballo que foi longamente enxalzado pola crítica especializada e que xa se converteu nunha obra de culto pola beleza e a poesía da súas imaxes. O filme -que fixo a Patiño merecedor no Festival de Locarno do premio ao mellor director emerxente na sección Cineastas do Presente- retrataba a relación do home coa paisaxe nun ecosistema de dura esixencia para a vida e a subsistencia humanas.

Fillo dos pintores abstractos Antón Patiño e Menchu Lamas, Lois Patiño volve de novo á súa querida Costa da Morte en Lúa vermella -rodada tamén en parte na comarca de Lemos-, cuxa estrea mundial está prevista para a 70.ª edición da Berlinale (Festival Internacional de Cinema de Berlín) dentro da sección Fórum, que coordina a comisaria Cristina Nord. Fórum é unha categoría -acada este ano a súa 50.º edición- centrada na vangarda, nas obras máis radicais e independentes do panorama internacional (poderá verse tamén outra cinta española, Anunciarán tormenta, de Javier Fernández Vázquez). O certame alemán terá lugar entre o 20 de febreiro e o 1 de marzo.

Lúa vermella é a segunda longa na que Patiño e a produtora coruñesa Zeitun Films van da man. A súa rodaxe realizouse en Galicia e na produción colaborou a compañía monfortina Amanita Studio.

O filme -detalla Zeitun- viaxa a unha vila na costa na que o tempo parece detido. As persoas están ensimesmadas, mentres que a natureza e os animais móvense libremente. Malia todo, podemos escoitar á xente moverse e falar, coma se estivesen nunha dimensión paralela, nun limbo cheo de espectros. Tres mulleres chegan ao lugar na busca do Rubio, un experimentado mergullador, desaparecido hai días.