Jacobo Sutil recoñece que non haberá director do Centro Coreográfico Galego

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

ccg

«Non vai desaparecer», reafirmou o director da Agadic ante as durísimas críticas do sector, co que se comprometeu a reestablecer o diálogo

21 ene 2020 . Actualizado a las 22:02 h.

-Desaparece a figura do director do centro coreográfico galego.

-Si. Si.

-Cal é o motivo?

-Pola idea de cambiar o perfil máis artístico a un de xestión, que sexa quen de en coordinación co sector sacar adiante programas que leven os obxectivos que queremos e que son o incremento da difusión da danza.

-Aparece unha figura dobre. É posible que unha soa persoa se dedique aos dous ámbitos tendo en conta que a música é unha industria cultural do noso país?

-Eu penso que si.

A confirmación por parte de Jacobo Sutil, director da Agadic, de que a reforma dos estatutos do organismo inclúen a desaparición da figura de director ou director do Centro Coreográfico Galego levantou un barullo no auditorio do Consello da Cultura, onde hoxe se celebraba unha xornada de diagnóstico e futuro da danza en Galicia da que saíron numerosas propostas. Jacobo Sutil recoñeceu ao inicio da súa intervención que a programación nos concellos de espectáculos de danza é minoritaria e que ademais non se están explotando o suficiente as subvencións para os espectáculos, polo que se teñen organizado cursos sobre tramitacións de axudas e tamén se valora un cambio nos textos para facelos máis eficientes.

 Segundo as explicacións do director, o gran avance que supón a reforma dos estatutos está na dotación dunha estrutura administrativa e a creación dun perfil de xerencia que agora mesmo non existe na Agadic.«que sexa quen de facer que as ideas dende o punto de vista artístico se transformen en procedemento administrativo, que non é sinxelo».

Tamén explicou que se crea un departamento de música e danza «na que haxa unha persoa con capacidade de fomentar a distribución da danza, que poida falar cos programadores dos concellos e ver que medidas como facer para avanzar e que cada vez haxa máis programación de danza» e maior produción.

Matizou o director da Agadic que non haberá unha persoa «específica» para a danza pero que o tratamento que fai a axencia da música non é «tan directo». Con todo, «evidentemente o sector musical é moito más grande que o da danza, pero dende o meu punto de vista para levar a cabo programas e plans que dinamicen e melloren a situación da danza creo que é suficiente con unha persoa encargada de dialogar e tramitar plans xunto co sector. Creo que si é suficiente».

As explicacións de Sutil tiveron fortes reaccións entre o sector reunido na sala. «Fixestes unha modificación dos estatutos que a Plataforma de Afectados polo Centro Coreográfico e as 160 firmas confirman que é totalmente en oposición ao que nós como sector quereriamos para a danza». Caterina Varela fixo unha dura crítica á xestión dos últimos anos da Agadic, cuxas actuacións cualificou de inxustiza, como «que non confiedes en nós para plantexar unha transformación da normativa da Agadic que nos afecta deste modo que estás comentando hoxe, por certo por primeira vez nun espazo público».

A integrante da plataforma, que xa sabía da desaparición da dirección por unah reunión previa, subliñou que «por primeira vez dis que non vai haber dirección do centro coreográfico galego» e que os últimos movementos son «para deixarnos KO» . A supresión desa figura supón suprimir «a capacidade de ter unha persoa en exclusiva deseñando en diálogo co sector a política pública cultural para a danza. Non é un xesto menor». 

«O Centro Coreográfico Galego non vai desaparecer», afirmou con contundencia Jacobo Sutil a preguntas dos asistentes á charla. Sobre se vai haber producións «iso será algo que teñamos que ver, que falar, tomar decisións e priorizar as medidas», porque «facer unha produción propia ten uns custos que hai que decidir se os asumimos ou non. Iso non o vou pechar eu, senón que o faremos en diálogo». Sutil tamén explicou que os 50.000 euros consignados na Lei de Orzamentos para o centro non son o investimento total en danza, xa que as partidas para actividades serán as mesmas que o ano pasado.

Aínda que a charla foi por momentos moi tensa, finalmente a Agadic e a Plataforma abordaron comezar o diálogo para establecer prioridades.

-E cando imos empezar?

-Mañá mesmo.

-Levamos sete anos co mesmo. Ogallá que esta xornada sirva para algo. 

Un diagnóstico da situación

O compromiso de diálogo co sector vai máis na liña dunha xornada  que foi, sobre todo, propositiva. Incluír a danza como contido na educación pública obrigatoria, formar docentes especializados; incluír a danza no marco universitario; fomentar investigación arredor das artes do movemento; dotar de orzamentos; crear premios para a danza; recuperar o Centro de Documentación das Artes Escénicas e tecer pontes entre todas as estruturas públicas e privadas que artellan o sector en Galicia son algunhas das cuestións que se abordaron no Consello da Cultura, que agora elaborará un diagnóstico da situación e incluirá no seu arquivo as entrevistas, en formato dialogado, que conformaron a xornada.