«O CDG debe ser a bisagra que poña en conexión Europa e América»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

O vigués sostén que a colaboración con Portugal e con outros países «pode enriquecer o teatro galego»

18 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«O CDG ten que soltarse os complexos e abrirse ao mundo». Con esa premisa como unha das bases do seu proxecto e apostando «pola dramaturxia contemporánea, a transdisciplinariedade e a internacionalización», Fran Núñez (Vigo, 1986) comeza o seu traballo á fronte do Centro Dramático Galego (CDG). Tomou posesión do posto o luns converténdose no director máis novo da compañía pública galega.

—Produtor, director, actor, dramaturgo, escenógrafo, iluminador..., que foi o que o levou a presentarse a dirixir o CDG, co que tamén traballara en tres coproducións?

—En parte era iso, que coñecía un pouco a casa por dentro de facer coproducións —tres en dez anos, con tres direccións diferentes— e apetecíame o reto de poñernos a traballar aquí xa dende dentro porque creo na importancia do teatro público. Ademais, no momento profesional no que estou, penso que son suficientemente novo como para ter ilusión, forza, ganas e facer cousas arriscadas, pero tamén teño xa a experiencia e o traballo de anos para non ser un kamikaze e ter a bagaxe para termar e ter a paciencia para facer as cousas. Penso que estou nun momento de equilibrio que penso que pode ser bo para o Centro Dramático Galego.

—Cales van ser os eixos do seu proxecto?

—A clave de inicio é que Galicia e o CDG sirvan de centro, de eixo. Ata o momento temos a idea de Galicia como Fisterra, aquí acaba todo. Entón é darlle unha volta, porque aquí acaba ou empeza, Galicia pode ser o centro, porque somos a porta de entrada de América en Europa e a saída natural de Europa para América. Quero utilizar esa idea de colocarnos no centro a través de coproducións, de colaboracións, de internacionalización coa lusofonía, pero tamén con outros países que creo que poden enriquecer moito o teatro galego.

—Fala de coproducións, vai ser unha das alfaias do seu proxecto.

—O traballo vaise centrar na produción propia, nas coproducións e en manter a liña de apoio á dramaturxia galega contemporánea iniciada por Fefa Noia, manter e ampliar as liñas que garanten a inclusión, a accesibilidade e a conciliación de forma que garantamos a posibilidade de acceso ao maior número posible de audiencias. Ao final, é un teatro público e debémonos tamén á sociedade, ese é o fin último da existencia do Centro Dramático Galego. E, despois, recuperar liñas de colaboración cada vez máis estreitas cos espazos de exhibición porque son a correa de transmisión, os nosos socios estratéxicos de cara a levar o teatro á xente. E, por último, manter esas relacións con Portugal e coa lusofonía en xeral xa que son saídas naturais dos galegos e un diálogo que non só se dá no teatro.

—Alude a un diálogo cos espazos, a que se refire?

—A ter un diálogo máis fluído, aínda se cabe, cos espazos de exhibición de Galicia porque son os que van poder compartir os espectáculos do CDG coa poboación. A lusofonía é un eixo que xa existe e a idea é abrilo máis. Nós non somos periferia, somos centro, e penso que o CDG pasa por aí, ser a bisagra que poña en conexión Europa e América.

—Iso foi o que fixo no último espectáculo coa súa compañía, Limiar Teatro.

—Si, o traballo persoal vai por aí, ese traballo cara América e cara a Europa, que penso que pode ser positivo para o sector. Incluso algo que co que levo traballando anos e que creo que pode ser interesante, é a colaboración transdisciplinar e non multidisciplinar. A transdisciplinar é que hai unha xenerosidade por parte do teatro, da música, da danza en escena, que se colocan en pé de igualdade en escena, non hai ninguén que estea por enriba. Non é danza ao servizo do teatro ou a música ao servizo do teatro, e iso implica moita xenerosidade. Iso, unido a internacionalización, son dous eixos cos que pode medrar o CDG e medrar as artes escénicas en Galicia.

Sandra Alonso

—Falaba ao principio de arriscar. En que sentido o vai facer?

—Esta aposta pola dramaturxia contemporánea, de creación e o traballo de diálogo transdisciplinar e a internacionalización. Son tres cousas que poden dar grandes froitos.

—Chega á dirección do CDG nun momento no que a institución está no punto de mira, con múltiples voces, dende colectivos como a Asociación de Actores e Actrices ou exdirectores da compañía pública, pediron máis autonomía para relanzalo. Como ve esta situación? Supón un reto aínda maior para vostede?

—O CDG sempre vai estar no punto de mira e iso está ben porque quere dicir que a xente se preocupa por el. A xente quere a institución porque certamente, a institución é fundamental para o teatro galego. É un servizo público que complementa a cadea de valor do teatro público en Galicia. Sen o CDG non tería sentido gran parte da cadea de valor, que comeza nunha escola de formación e remata, por exemplo, nunha rede de distribución, como a Rede Galega de Teatro e Auditorios. No medio hai unha unidade de produción pública e un teatro público, que programa como é o Salón Teatro. Nese sentido, as críticas, as preocupacións que ten a xente en relación co CDG hai que tomalas como algo en parte positivo porque implica unha preocupación porque isto cada vez sexa mellor e cumpra mellor as súas funcións.

—Tamén está o cambio de estatutos da Agadic que pode incidir na compañía pública, abordou isto co director da axencia?

—O que me consta despois de falar con anteriores directores e directoras e polo que me transmitiron desde a Xunta, desde sempre houbo unha independencia artística absoluta por parte do CDG. E iso é así e vai ser sempre así porque as unidades de creación son artisticamente independentes en calquera lugar do mundo e creo que aquí sempre estivo garantido e vai seguir estando. Tamén é importante que a nivel administrativo e de xestión, o CDG teña un nivel de excelencia importante e sexa exemplo de xestión. Para iso, sabendo as peculiaridades do teatro e das artes escénicas, hai que buscar os mellores encaixes posibles. É importante manter a independencia artística e ter as garantías xurídicas, de xestión, etcétera, que fagan que isto funcione.

«O Centro Dramático é a casa de todos, non sobra ninguén»

Fran Núñez explica que a primeira produción propia baixo a súa dirección chegará no último cuadrimestre. «O obxectivo é facer máis dunha produción propia ao ano e producións de diferentes formatos», di, dependendo tamén das coproducións.

—E en canto o orzamento, os recursos son moito menores que os de hai unha década...

—Se lle preguntamos ao conselleiro de Sanidade vai dicir que el necesita máis e é, posiblemente, unha das partidas máis grandes da Xunta. En calquera departamento que preguntemos sempre imos querer máis. A idea é ir obtendo máis recursos non só da Xunta, senón tamén poder captar recursos externos mediante a colaboración, a coprodución, de forma que fagamos unha xestión máis eficiente e eficaz dos recursos, maximizando os resultados. A clave é xerar o maior impacto positivo posible tanto no sector como no público, porque o público é o fin último da nosa labor. É importante non esquecer que isto é un teatro público, un servizo público. O CDG é a casa de todos, ten que ser un punto de encontro no que non sobre ninguén.

—Aterrizou hai catro días, é como vostede agardaba? Algunha sorpresa?

— O ter traballado xa bastante co CDG xa tiña máis ou menos un coñecemento da casa. Teño a sorte de ter un equipo espectacular, de xente que traballa moi ben, con moita experiencia e con ganas de facelo ben. Recibíronme moi ben e por aí non hai sorpresa. A sorpresa é positiva porque hai xente que traballa mellor do que eu podería imaxinar.

—Cando chegará a primeira produción propia?

—De cara o último cuadrimestre teremos a produción propia do CDG e ata xuño-xullo manteremos os compromisos de coprodución e de exhibición que deixou Fefa (Noia). Creo que iso é importante, que se manteñan os compromisos sempre anteriores, porque as direccións estamos de paso e parte da normalidade institucional. Por iso, é importante continuar con proxectos que tiña Fefa, como os domingos de conciliación, intentar potenciar o programa de dramaturxia... É importante que a institución teña unha liña, que vai camiñando, e nós ter ir construíndo sobre esa liña.

—Fala da súa predecesora. Cando se foi, Fefa Noia dicía que unha das espiñas cravadas foi non levar a cabo máis dunha produción propia ao ano.

—O obxectivo é poder facer máis dunha produción propia ao ano e producións de diferentes formatos. Iso vai depender das propostas que cheguen de coprodución porque pode haber propostas con institucións públicas grandes moi interesantes que, ao final, é unha produción propia pero con outro teatro. Son oportunidades para o CDG e para o teatro galego en xeral, que creo que non podemos desbotar.

—O teatro galego está saíndo bastante fóra, como Voadora, Matarile, Chévere..., que lle pode aportar o CDG ao resto do sector?

—O CDG creo que é de cara ao traballo das compañías un punto de encontro e un socio estratéxico no sentido no que o diálogo entre o sector público e o privado ao longo da historia e dos anos deu moi bos froitos e boas propostas. Esta é unha liña de diálogo, de traballo, que dá moi bos resultados no CDG, no teatro nacional de Cataluña, no Dona María de Lisboa...

—Fala de diálogo, xa empezaron os contactos coa xente do sector?

—Estamos comezando estes días. A idea é falar con todos e abrir liñas de diálogo con todas as asociacións, imos visitar a maioría dos espazos escénicos de Galicia con programación estable. Estes primeiros meses van ser de moito coche, reuníndonos con todo o sector, escoitando e abrindo liñas de diálogo e colaboración. O feito de que o CDG ten que ser punto de encontro e non sobra ninguén ten que trasladarse ao traballo e aí é fundamental que se establezan non só encontros entre disciplinas, senón tamén xeracionais. O diálogo interxeracional é importante nun teatro público, así como que preste atención á igualdade e á paridade á hora de traballar, respectando sempre o criterio artístico dos equipos dirección.

—Cal sería o seu diagnóstico da situación do teatro galego? E do CDG?

—O teatro galego está nun momento de proxección interesante, onde hai compañías que están facendo uns traballos a nivel de calidade magníficos ao nivel de calquera proxecto internacional, e penso que esa onda é a que ten que tomar o CDG e ser un apoio para que isto levede e vaia a máis. Hai que ser ambiciosos. O teatro sempre vai necesitar máis, sempre imos necesitar máis recursos, máis apoios, máis visibilidade, pero é tamén unha cuestión de paciencia e de traballo constante.

—Cambiou moito o CDG neses dez anos desde a primeira produción?

—Os directores e directoras van colocando a súa impronta e deixan proxectos que fan que cambie o CDG e moitas cousas que se incorporan despois son asumidas por as seguintes persoas, e iso é o que vai facendo a insitución, non é que cambie porque chegue un director. Naturalmente, e de forma positiva, é un proceso colaborativo ao longo da historia no que cada director temos a sorte de facer parte.