Harold Pinter, o dramaturgo humilde

HÉCTOR J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«O montacargas» de Pinter represéntase en Santiago, no teatro Principal. Na imaxe, detalle da estrea da peza o pasado xullo na Mostra de Ribadavia
«O montacargas» de Pinter represéntase en Santiago, no teatro Principal. Na imaxe, detalle da estrea da peza o pasado xullo na Mostra de Ribadavia Santi M. Amil

A compañía Acusmaser Opus, con dirección de Evaristo Calvo, leva a escena a obra do autor inglés «O montacargas»

14 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«É un estilo de teatro que non está na moda, as tendencias van por outro lado», recoñece o actor, director, escritor e membro de Mofa e Befa Evaristo Calvo, pero aínda así, cre, merece ser coñecido. Fala, sobre todo, de Harold Pinter, do que dirixe -e presenta no compostelán teatro Principal o xoves 16 e o venres 17- a obra O montacargas, protagonizada polos actores Santi Romay e Federico Pérez. Os tres comediantes fundaron a compañía Acusmaser Opus, que nace, precisamente, coa ansia de tratar de corrixir unha eiva do teatro galego, que, dalgunha maneira saltou esta época dos anos cincuenta, os clásicos contemporáneos, ese estadio entre un teatro moi ideolóxico e outro moi contemporáneo.

A peza estreouse na pasada Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia nunha montaxe -Nun cuarto da rotonda- que presentaba de forma conxunta O montacargas (1957) e o texto de Samuel Beckett A última cinta de Krapp (1958), na que o propio Calvo encarnaba a Krapp. Por problemas de dereitos e de índole económica, Beckett quedou fóra e o espectáculo redúcese agora a Pinter, suficientemente proteico como para seguir só. Pinter era admirador e pupilo de Beckett; de feito, o seu último traballo como actor, xa en cadeira de rodas, foi interpretar o monólogo de Krapp -pode verse en YouTube grazas a unha gravación da BBC.

Di Calvo que tratou de adaptar a Pinter dende o máximo respecto, axeitado ao seu acusado realismo, coidando o texto e os silencios, sen afondar no absurdo que aflora del, nin emendalo, porque xa é abondo absurdo de por si. É máis: fontes críticas asimilan a súa produción ao realismo do século XIX. É o seu subtexto o que vai máis lonxe. «O que pasa nas miñas obras é realista, pero o que fago non é realismo», advertía o autor londiniense. En O montacargas, dous asasinos a soldo (Ben e Gus) falan de cousas ordinarias mentres agardan nun cuarto ordes para actuar.

Como sinala Manuel Vieites, no teatro de Pinter «tan importante como o texto -o fluxo lingüístico, o seu ritmo, as repeticións- van ser os silencios, as pausas e outros códigos xestuais, proxémicos, cinésicos, tal que o movimento, a mirada, as posturas e a propia relación espacial dos personaxes. Pero a diferencia de Osborne, Ionesco ou Beckett, en Pinter non hai discursos políticos, patafísica, ironía, hipérbole, nihilismo, metafísica, sarcasmos ou personaxes e situacións que se explican en función da súa propia enunciación, da súa improbabilidade, irracionalidade ou do absurdo. Con Pinter estamos situados fronte a realidades posibles e tanxibles, mundos que destacan por unha sensación inicial de absoluta placidez e que rematan por converterse en auténticos infernos para, reducido o lume, recuperar a tétrica tensión inicial».

«Compromiso coa arte»

Cando lle preguntaban a Pinter sobre o significado das súas obras -lembra Evaristo Calvo-, o dramaturgo aseguraba que non tiña nin idea, que todo o que el sabía estaba escrito, e negaba que tivera tal ou cal intención. «Non vende ideas, non dá solucións, non propón problemáticas nin modelos de sociedade. Pinter fai retratos de cousas que acontecen, do que se di, dunha escena cotiá, mentres están sucedendo as cousas. O seu único compromiso, como no caso de Beckett, é coa propia arte. Por iso presentan a verdade dunha forma absolutamente contundente», incide Calvo, que recorda que na súa vida privada os dous tiveron posicións politicamente valentes, das que nunca fixeron ostentación.

O dramaturgo Sanchis Sinisterra dicía «a práctica totalidade do teatro de Pinter ten como tema central as relacións de poder e submisión, os mecanismos de coacción e de dominio que sosteñen as relacións humanas no noso sistema social. Unhas relacións de poder que descansan sobre a orde establecida, pero que se exercen e se disputan, non tanto a través da forza física da coacción material, como a través de sutís e, mais ou menos eficaces, estratexias discursivas. É no territorio da linguaxe, da intervención conversacional, onde o poder libra as súas batallas. É por medio da palabra, e do silencio, como se constrúe a realidade, como esta se impón ao outro, como se vela e desfigura a verdade, como un sistema se perpetúa».

Para o director de O montacargas, a humildade de Pinter -tamén en Beckett- é unha virtude moi a defender, da que non avergonzarse. «El parte de que non sabe nada, algo enxalzable nun mundo tan complexo e interdependente. Pese a esa fidelidade ao pensamento gris, as súas obras, marabillosas, foron controvertidas, e tanto Pinter como Beckett tiveron que sufrir pateaduras e apupos», subliña.

Evaristo Calvo
Evaristo Calvo EDUARDO PÉREZ

Acusmaser Opus aposta por Pinter, e quere levar adiante nun futuro O invernadoiro, A festa de aniversario e O coidador. Tamén Beckett ou autores de hoxe, como Martin McDonagh. «Só temos moito gusto por isto, e queremos comunicalo aos nosos paisanos», insiste, para admitir que os tres membros da compañía teñen feito traballos con intención comercial tanto no teatro como na televisión, «de moi diversa pelaxe», do que non renegan, pero que este humor de Pinter, tan sutil, tenos seducidos.

 

Teatro Principal. Santiago de Compostela

Xoves 16/01/2020 ás 20.30 horas (Ao remate da representación haberá un encontro co público conducido por Camilo Franco)

Venres 17/01/2020 ás 20.30 horas

Prezo entrada: 12 euros (Venda no Teatro Principal de 18.00 a 21.00 horas)