O pote

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

14 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe vou comezar cunha vella adiviña popular: «Ten boca e non come, ten cu e non caga e ten tres pés e non anda. Que é?». Pois si, un xeito sabio e certeiro para definir o pote tradicional galego. Non había lareira que se apreciase no país que non tivera un pote como é debido para facer os xantares que deron de comer a tantos galegos ao longo dos séculos. Agora os potes son un sinxelo motivo decorativo e non precisamente barato.

Os potes eran como ídolos metálicos, formas célticas familiares que simbolizaban a fartura, utensilios domésticos onde se facían as comidas das casas labregas. Hoxe, desprovistos da funcionalidade que posuían, son só obxectos do pasado, como sucede con moitas outras cousas importantes do noso patrimonio non tan de lonxe.

Somos un pobo atlántico, extraordinario, onde se desenvolveron enxeñosas artimañas que nos serviron para ser unha das culturas, cando menos, máis interesantes e ricas do continente europeo; e o pote de tres pés, como caldeiro familiar, foi un deses aparellos. Agora mercámolo nos anticuarios para poñer dentro deles unhas plantiñas que luzan nas entradas das nosas casas e alá vai esfumada outra parte da nosa historia, porque esquecemos rápido e non entendemos con certeza o que significou este utensilio para os nosos devanceiros.

Agora imaxinádevos sentados nun escano ao pé dunha lareira tradicional galega cun vello pote pendurado dunha curtida gramalleira. Nel cocíñase un xantar de vagar, mentres escoitamos á luz dun vello carburo ou dun candil de aceite contos e historias enraizadas no fondo dos tempos que os nosos maiores nos poderían estar transmitindo. Unha auténtica marabilla que foi sendo desbaratada pola entrada das televisións e outros aparellos que fixeron que os nosos costumes propios fosen virando ata o punto do desprezo.

Sen renunciar ao avance dos tempos e todas as súas melloras penso que perdemos boa parte dunha riquísima herdanza dos nosos devanceiros en troques de cousas ben alleas que nos levan a unha deriva de nos converter en «nada». O mesmo que lle pasou ao pote que agora fai de maceteiro na entrada das nosas casas. Moi bonito!