Substitúe na compañía pública galega a Fefa Noia, agora directora adxunta do Centro Dramático Nacional
18 ene 2020 . Actualizado a las 00:00 h.O director de escena e actor Fran Núñez (Vigo, 1986) tomará o relevo da compostelá Fefa Noia ao fronte do Centro Dramático Galego (CDG). O consello reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acordou a súa contratación despois de que el obtivese a maior puntuación no proceso aberto en agosto para cubrir o posto de coordinación do departamento de Produción Teatral, que inclúe a dirección da compañía pública teatral galega, así como a tarefa de coordinar e planificar o persoal e a actividade do Salón Teatro compostelán.
O acordo de contratación de Francisco Javier Núñez Alonso saíu publicado este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG), poñendo fin ao procedemento iniciado o 31 de agosto. Segundo apuntaron dende a Agadic, comezará a desempeñar a labor nos vindeiros días unha vez superados os trámites de formalización do seu contrato. A candidatura presentada polo director de escena e actor vigués foi a que obtivo a maior puntuación en cada unha das tres fases do proceso, que incluíu unha valoración dos méritos achegados, dun proxecto artístico e unha entrevista persoal. Ao proceso selectivo aberto polo entidade da Consellería de Cultura presentáranse oito aspirantes.
Tres coproducións co CDG
Fran Núñez é doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago, mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. É fundador das compañías Limiar Teatro e Teatro del Hereje.
Precisamente, unha das últimas montaxes de Limiar Teatro foi coproducida polo CDG, Se fosen turistas, levarían gafas de sol, que se representou do 11 ao 21 de decembro no Salón Teatro. Xa con anterioridade levara a cabo outras dúas pezas en colaboración coa compañía pública: Panxeia (2009) e Os catro da Xunqueira (2019). Tamén organizou tres edicións do festival de teatro Ponte nas Ondas (Gondomar). Na actualidade compaxinaba o seu traballo como director artístico de Limiar Teatro coa actividade investigadora.
O nomeamento chega nun momento no que a Agadic está reformando o seu estatuto, o que incide na compañía pública teatral. Nos últimos meses son moitas as voces que reclaman unha maior autonomía para o CDG.
Co acordo de contratación de Fran Núñez ponse fin a tres meses sen ninguén ao fronte da compañía pública galega, xa que Fefa Noia cerrou a súa etapa como directora o 30 de setembro tras anunciar a súa marcha en maio aducindo razóns persoais e profesionais despois de máis de tres anos na tarefa. Precisamente, a compostelá tamén empeza nova etapa neste 2020 como directora adxunta do Centro Dramático Nacional (CDN). O equipo está liderado polo dramaturgo Alfredo Sanzol (Madrid, 1972), que asumiu a dirección por un período de cinco anos cun proxecto artístico que ten como eixo central a aposta pola dramaturxia contemporánea. Deste xeito, Fefa Noia regresou a Madrid, onde xa desenvolvía a súa labor antes de ser nomeada directora do CDG en decembro do 2015.