O vigués Fran Núñez será o novo director do Centro Dramático Galego

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

Fran Núñez toma o relevo de Fefa Noia á fronte do CDG
Fran Núñez toma o relevo de Fefa Noia á fronte do CDG PACO RODRÍGUEZ

A Agadic acordou a súa contratación tras obter a maior puntuación entre os oito aspirantes a tomar o testigo de Fefa Noia

07 ene 2020 . Actualizado a las 14:14 h.

O director de escena e actor vigués Fran Núñez (Vigo, 1986) tomará o relevo da compostelana Fefa Noia ao frente do Centro Dramático Galego (CDG). O Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acordou a súa contratación despois de que obtivese a maior puntuación no proceso aberto en agosto para cubrir o posto de coordinación do departamento de Produción Teatral, que inclúe a dirección do CDG, así como a tarefa de coordinar e planificar o persoal e a actividade do Salón Teatro.

Fran Núñez é doutor en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago, mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco, mestrado en Economía da Cultura e Xestión Cultural pola Universidade de Valladolid, licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e titulado superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. É fundador das compañías Limiar Teatro e Teatro del Hereje. Precisamente, unha das últimas coproducións con Limiar Teatro foi co CDG, coa montaxe Se fosen turistas, levarían gafas de sol.

O acordo de contratación de Francisco Javier Núñez Alonso saíu publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), poñendo fin o procedemento iniciado o 31 de agosto. A candidatura presentada polo director e actor, segundo destacan desde a entidade dependente da Consellería de Cultura, foi a que obtivo a maior puntuación en cada unha das tres fases do proceso, que incluíu unha valoración dos méritos achegados, dun proxecto artístico e unha entrevista persoal. Ao proceso para substituír a Fefa Noia presentarónse oito aspirantes.