2019: «Suspense» en literatura

xaquín núñez sabarís

CULTURA

JESSYCA OCAMPO

Tentativas de asasinatos masivos, crimes de mulleres ou mortes en cadea de anciáns protagonizaron as novelas máis lidas do ano

30 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As novidades editoriais do ano que está a rematar, moitas e interesantes, trouxéronnos un notable predominio da literatura de suspense. En canto discernimos como categorizamos o macroxénero negro/policial na ficción galega podemos constatar que o thriller criminal caracterizou algúns dos volumes con maior impacto no mercado do libro galego do 2019. Tentativas de asasinatos masivos, crimes de mulleres ou mortes en cadea de anciáns protagonizaron as novelas máis lidas do ano que estamos a piques de clausurar.

A aposta por unha temática que serve para acoller aspectos de relevancia social, como tramas de corrupción político-policiais, abusos a menores ou violencia de xénero evidenciou a actualidade deste modelo narrativo e, xa que logo, o seu excelente comportamento tamén nun mercado global, como deixou constancia a serie televisiva O sabor das margaridas, con telespectadores dos cinco continentes, tras incorporarse este ano á plataforma televisiva Netflix.

O sabor das margaridas é un thriller policial que investiga a misteriosa morte de varias mozas nunha vila galega. Os capítulos van descubrindo diferentes incógnitas sobre tramas de corrupción e crime e presentan elementos de terror gótico, potenciado polas citas da Divina Comedia que abren cada un dos diferentes episodios.

Este recurso é tamén adoptado por Pedro Feijoo en Un lume azul. As tres seccións en que se organiza unha das novidades editoriais de Xerais presentan tamén como pórtico unha frase do círculo infernal da obra de Dante. Este conto de Nadal terrorífico do autor vigués retoma o relato de suspense de obras anteriores, aínda que neste caso en forma de investigación policial.

O policial continúa a ser o formato preferido da obra de Domingo Villar, na terceira entrega da serie do inspector Leo Caldas, o esperado O último barco. A enigmática desaparición dunha muller, que vive en Tirán, reactiva unha investigación do equipo do detective ao outro lado da ría que nos levará ao máis profundo e escuro da alma humana.

Unha deriva máis negra

Esta deriva máis negra é perseguida por Ledicia Costas en Infamia e Arantza Portabales en Beleza vermella. A escritora viguesa iníciase na literatura de adultos para contar unha historia que se remonta á desaparición de dúas nenas, vinte e cinco anos antes, nun barrio da periferia de Vigo. As pescudas encetadas por unha profesora de Dereito Penal que acaba de chegar á cidade lévannos a unha narración que vai pasando do esquema detectivesco ata o relato coral deste lugar presidido pola brétema.

A morte dunha púbere de quince anos, brutalmente asasinada, abre a novela de Arantza Portabales. O crime violento de rapazas que apuntan a muller será, de feito, un elemento dos clásicos de terror ou intriga, que anteriormente fora xa abordado por Diego Ameixeiras en Dime algo sucio, un dos títulos indispensables do xénero negro na narrativa galega. Beleza vermella condúcese a través dunha sinistra trama, que conxuga o policial e O psicolóxico, e que pon de manifesto o lado monstruoso e terrorífico do Doppelgänger.

Entre as novidades literarias do ano cómpre salientar, así mesmo, Camiño de paixóns, de Carlos Meixide, galardoada co primeiro Premio de Novela Camiño de Santiago. De novo a narración artéllase a través dunha intriga de misterio, ao redor do namoramento de dúas mozas que se coñecen no Camiño, unha galega e outra xaponesa. A narración encamíñase con maior ritmo, suspense e intensidade a medida que se aproximan a Compostela e ao 25 de xullo, ata chegar a un sorprendente desenlace.

Completa esta aposta pola intriga a montaxe teatral Carpe diem, de Quico Cadaval, na que dous amantes planean un asasinato. O texto dramático resulta da adaptación do relato homónimo do brasileiro Rubem Fonseca. Un mestre universal do relato negro, que na crítica lusófona aínda seguen denominando, preferentemente, como policial.

X. Núñez Sabarís é profesor da Universidade do Minho e membro da Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago.