«Sentidiño», Palabra do Ano 2019

Xesús Fraga
X. Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

rag

O termo impúxose a finalistas como «feminicidio» ou «narcosubmarino», entre outras

27 dic 2019 . Actualizado a las 13:48 h.

Sentidiño é a Palabra do Ano 2019. As votacións no Portal das Palabras escolleron cunha folgada maioría este termo, a variante máis galega do sentido común. Sentidiño acadou o 51 % dos votos, impoñéndose a outras finalistas: feminicidio conseguiu preto do 20 % dos apoios, mentres que narcosubmarino se quedou nun 15 %. Quecemento global sumou o 8 % e ecocidio un 5 %. A palabra menos votada, cun 1 %, foi negociación.

Sentidiño deriva de sentido, que se orixina da substantivación do participio pasado do verbo sentir, que procede do latino sentire, «percibir polos sentidos». Sentido ten varias acepcións no Dicionario da Real Academia Galega, pero no contexto da votación a máis acaída é a cuarta: «Capacidade mental de actuar de maneira razoable e correcta». É interesante o engadido do sufixo -iño, que, segundo os académicos, neste caso non implica un matiz de pequenez, senón que reforza esa «calidade de sensato». Sentidiño ten tamén equivalentes próximos noutras linguas, como son o caso do seny catalán, o buonsenso italiano, o bon sens francés ou o bom senso portugués.

O Portal das Palabras é unha iniciativa para divulgar o léxico do galego que puxeron en marcha a Academia e a Fundación Barrié. Dende o 2014 convoca a votación popular da Palabra do Ano, que tivo como gañadoras corrupción na súa estrea, seguida de refuxiado/a (2015), irmandade (2016), afouteza (2017) e deseucaliptización no 2018.