
Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, recolle nun libro máis de 500 xeometrías sagradas que durante milenios presidiron castros, igrexas, hórreos e vivendas
26 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Bieito Romero non só é o líder dunha formación que leva a música galega por todo o mundo dende hai 33 anos, Luar na Lubre, ou o compositor dunha das pezas con máis versións, O son do ar. Tamén é un «cazador de símbolos». Acaba de publicar un libro-álbum-disco con 500 fotografías de xeometrías máxicas usadas durante milenios en Galicia para protexer castros, igrexas, hórreos, casas ou incluso mobiliario. Di o prologuista do libro, o antropólogo Rafael Quintía, que é unha obra «divulgativa» que «destila amor pola terra» e «zumega suor de horas, días e anos de traballo percorrendo os máis afastados recunchos».
En realidade, o gaiteiro fixo máis de 20.000 quilómetros por Galicia para reunir este «mar de símbolos», cos que, desde tempos inmemoriais, a xente se protexía dos males: trísceles, tetrásceles, pentásceles, hexásceles, radiais, rosetas, espirais, pentalfas, entrenzados, nós ou cruces varias. Unha paixón que Romero vén mantendo dende hai tempo. De feito, xa é a segunda publicación dedicada a este tema e ten arquivadas unhas 5.000 fotografías. Con este labor trata de poñer en evidencia o deterioro e a desaparición deste legado patrimonial nos máis «insospeitados recunchos de Galicia».
Son figuras xeométricas que se repiten ao longo da historia. «Proceden -escribe Bieito Romero- de diversas culturas como a celta, a xermánica, etc...», que case sempre manteñen a forma orixinal e que son manifestacións sagradas. Se ben poden pasar desapercibidas, son un punto de conexión «con outras culturas, como as celto-atlánticas ou outras tan afastadas e diferentes como as precolombinas, a chinesa, a hindú, as magrebís, as orientais...», sinala.

Este libro é para o autor «só unha mostra dun legado recuperado», adobiado cun disco con as 12 pezas de Luar na Lubre máis acaídas para o tema. Empeza polos trísceles, que xa aparecen no Neolítico e que están moi relacionados coa cultura celta, expón o autor, pero hainas noutras sociedades moi distantes, como a maia, a hindú ou a xaponesa. É un símbolo de protección e solarización e representa a evolución, «a aprendizaxe perpetua ou a trinidade: pasado, presente, futuro, avó, pai e fillo». Usouse dende os castros ata actualidade.
Os tetrásceles, catro alas, hainos en toda Europa, pero sobre todo no norte peninsular. En Galicia consérvanse dende tempo inmemorial en hórreos, camposantos, igrexas, mobles e incluso en traballos de ferraxería.
Os pentásceles, os hexásceles e as radiais, tamén coñecidas como estrelas flamexantes, son derivacións dos anteriores. Son figuras solares con poder de protección coa mesma significación que os trésceles e os tetrásceles.
As rosetas protectoras
Pero, sen dúbida, unha das figuras máis coñecidas son as rosetas, tamén protectoras e relacionadas «con representacións astrais» que se poden ver dende os recintos castrexos ata a actualidade en toda clase de soportes e lugares. Vese, sobre todo, en lugares sagrados, igrexas, cemiterios, lápidas funerarias, casas, hórreos, pazos, confesionarios ou mobles. Teñen forma de flor e as máis populares son as hexapétalas, di o autor. Agora aparecen «desprovistas do seu significado sacro orixinal e adaptadas a unha función ornamental».
As espirais xa se atopan nos petróglifos. Están relacionadas, segundo Romero, con manifestacións naturais, como é o caso de caracois, serpes enroscadas ou plantas e con «significado sacro». Están presentes en castros, igrexas e demais inmobles populares. A súa orixe parte da «noite dos tempos». Outra vez «estamos -explica- ante un símbolo de probable representación solar ou astral», pero tamén relacionado coa creación, a fecundidade acuática ou o culto á Lúa.
Xeometrías sagradas
Hai, logo, pentalfas e hexagramas, que son xeometrías sagradas de harmonía entre o corpo e o espírito. Os entrelazados e os nós son moi empregados nas igrexas románicas. Pero unha das grandes paixóns de Bieito Romero son as cruces, o símbolo das catro direccións do espazo, as estacións do ano ou as partes do día. A el chámanlle máis a atención as cumiais. Están no alto dos tellados, sobre todo nos templos. Coma os outros todos son códigos que transmiten mensaxes.