O galego na escola: suficiente coa actual norma ou escaso pola perda de falantes?

Tras o informe do Consello de Europa, hai división entre a comunidade educativa sobre a validez da normativa, que obriga a equilibrar ao 50 % co castelán

Actividade nun colexio polo Día das Letras Galegas
Actividade nun colexio polo Día das Letras Galegas

redacción / la voz

Na escola pública en Galicia, e tamén na concertada, un rapaz estuda o 50 % do seu tempo en galego e outro tanto en castelán. No caso dun centro plurilingüe o reparto é o mesmo para as dúas linguas cooficiais, pero hai ata un 30 % en idioma estranxeiro: así, un caso habitual é que a rapazada estude en inglés o 20 % do tempo, o 40 % en galego e o mesmo en castelán. Iso é o que di a normativa.

No informe do Comité de Ministros do Consello de Europa no que se pon en cuestión a situación na que se atopa a lingua propia de Galicia ten moito que ver a situación no ensino. Cabe preguntarse se os nenos galegos empregan suficientemente o seu idioma na escola, ou se o seu uso debería cambiar. Hai que ter en conta que o informe di que entre os 5 e 14 anos só un 14 % dos rapaces falan galego exclusivamente (fronte ao 30 % dos seus avós, os maiores de 65 anos), e o 44 % falan só castelán; hai un 12 % que, falando os dous idiomas, decántanse pola lingua de Rosalía, mentres que un 30 % fano pola de Cervantes. É dicir: o castelán é preferente para tres de cada catro rapaces que van á escola.

Estas son as cifras do informe. Pero, a pé de clase, que pensa a comunidade educativa? O sentimento xeral é que fai falta un esforzo maior para que o galego non se perda para as futuras xeracións, aínda que hai moitos matices na postura duns e doutros. Luz López, responsable de CC.?OO. Ensino, cre que «o problema non son tanto as materias que se dan como o peso no horario que se imparte en galego. Non pode ter a mesma consideración que o idioma estranxeiro, pois o uso do galego non está normalizado», explica. «Mentres o castelán é un idioma que os rapaces coñecen e practican fóra das aulas, o galego está reducido en moitos casos ao traballo na escola, e por tanto non se pode considerar ao mesmo nivel de coñecemento que o castelán».

O grupo máis combativo é o dos profesores adscritos á CIG-Ensino. Suso Bermello explica que «o uso do galego é totalmente insuficiente nos centros educativos: residual nas aulas de infantil en ámbitos urbanos, moi minoritario en primaria e secundaria e testemuñal en moitos dos ciclos de FP, tanto nas aulas como nos materiais. Todo isto ofrece unha realidade: non se pode cumprir a Lei de Normalización Lingüística porque o alumnado non remata a escolarización obrigatoria co mesmo desenvolvemento en ambas as linguas. O chamado decreto do plurilingüismo serviu de coartada para reducir a presenza do noso idioma. O resultado, un decenio despois, está á vista: os informes do IGE e do Consello de Europa non son arengas de quen defendemos o noso idioma, senón que son datos obxectivos. O galego ten que ser a lingua vehicular do ensino, cunha presenza maioritaria que mitigue en parte un proceso moi acelerado de desconexión das crianzas e da mocidade coa lingua».

Non todos os profesores pensan así. Dende ANPE o seu presidente en Galicia, Xulio Díaz, sinala que «un rapaz galego cando remata o ensino obrigatorio debe dominar en igualdade os dous idiomas oficiais da comunidade e unha lingua estranxeira, e o ideal sería que se iniciase tamén nunha segunda lingua estranxeira», pero «agora hai un déficit nos idiomas estranxeiros».

Convencer, non obrigar

Tampouco ven mal a situación dende Congapa, as ANPA de ensino privado e concertado. María José Mansilla, representante da agrupación, cre que «a repartición é adecuada tanto na porcentaxe horaria como no ámbito das materias que se imparten. O uso do galego no funcionamento e na relación coas familias está normalizado nos centros».

Seica a cuestión clave é a que propón Rogelio Carballo, presidente de Confapa (Ceapa Galicia): «Antes de impoñer novas cotas fagamos o posible por cumprir as actuais, é dicir, que os profesores da educación obrigatoria que teñen que dar o seu temario en galego o fagan, e que os libros que teñen que vir en galego veñan en galego». E recorda que neste tipo de asuntos «o futuro está en convencer, non en obrigar».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

O galego na escola: suficiente coa actual norma ou escaso pola perda de falantes?