A Asociación de Actores de Galicia convoca a 24.ª edición dos premios de teatro María Casares

G. N. LA VOZ / REDACCIÓN

CULTURA

Detalle de la gala de los premios María Casares, en una foto de archivo
Detalle de la gala de los premios María Casares, en una foto de archivo

O prazo para a inscrición de espectáculos abriu este luns e pecha o próximo 7 de xaneiro; poderán concorrer todas as producións en lingua galega estreadas ao longo do 2019

16 dic 2019 . Actualizado a las 14:12 h.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convoca a 24.ª edición dos premios de teatro María Casares, cuxa gala de entrega terá lugar o vindeiro 26 de marzo no coruñés teatro Rosalía de Castro. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor en lingua galega estreados este ano e o prazo para a inscrición abriu este luns e pecha ás 15 horas do 7 de xaneiro.

A organización introduciu unha modificacións nas bases que regulan o funcionamento dos galardóns, que deixa aos espectáculos que se estreen no último trimestre do ano (entre o 1 de outubro e o 31 de decembro) que poidan escoller presentarse nesta edición ou na do 2021. Este cambio, solicitado en asemblea xeral, ten como obxectivo permitirlles aos espectáculos contar co suficiente percorrido polos escenarios para garantir a súa visibilidade entre o censo de votantes que cada ano escollen os gañadores dos galardóns. Un censo de votantes que está conformado por máis de 450 membros que teñen dereito a voto e que está conformado polo corpo asociativo da AAAG, por finalistas e persoas gañadoras en edicións anteriores, programadores e programadoras da Rede Galega de Teatros e Auditorios e membros da prensa e da crítica teatral.

Os premios de teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro galego, así como a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Durante a gala, entregarase o premio de honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.