Unha mostra conmemora os 100 anos de «Nós», unha «revista de alta cultura»

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

A exposición de Galiza Cultura no Museo do Pobo incide no legado da publicación

12 ene 2020 . Actualizado a las 18:29 h.

«Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós. É a ansia qu’oxe sinte Galizia de vivir de novo, de voltar ó seu verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantable na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra, unha xeración que se deprocatou do seu impeiroso deber social de crearen pra sempre a cultura galega..». O 30 de outubro de 1920 saía do prelo en Ourense o primeiro número da revista Nós con este editorial escrito por Vicente Risco. Agora, para conmemorar o seu centenario e destacar o seu legado en canto que colocou «a lingua, as artes e a ciencia galega nun nivel privilexiado de calidade», a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura impulsou a mostra «Nós» de onte a hoxe: 100 anos de historia, que ata o 25 de xaneiro se poderá ver no Museo do Pobo en Santiago e, posteriormente, visitará outras cidades e localidades galegas.

 A mostra percorre o legado de Nós, «unha revista de alta cultura, que só se viu truncada polo inicio da Guerra Civil», destacou a presidenta de Galiza Cultura, María Pilar García Negro. Nese sentido, apuntou que personalidades senlleiras como Vicente Risco, Castelao ou Ramón Otero Pedrayo, «quixeron facer da cultura galega unha cultura adulta e moderna, isto é, madura en todos os campos de expresión -tamén o científico- e en todas as artes; e moderna no sentido de estar en diálogo coas correntes, a vangarda e as tendencias estéticas máis avanzadas desde Galicia, non para seren fotocopias ou clons, senón para establecer un diálogo de igual a igual». A exposición, que conta con diferentes paneis e, ademais, inclúe algúns obxectos destacados como poden ser os orixinais dos deseños de Castelao para a revista, busca ofrecer «un discurso que poida chegar a todo o mundo, que teña unha utilidade didáctica e que sexa compresible para que poida ser levado ás novas xeracións», destacou o comisario Carlos L. Bernárdez.

No acto inaugural, que reuniu a representantes de diferentes eidos, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, defendeu a importancia de conmemorar Nós porque «nas súas páxinas transitan ese orgullo de nós que tanto precisamos, da nosa lingua, da nosa cultura...». O director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, lembrou que esa xeración tiña a «angueira de ter un museo galego» e aí están as raíces da entidade.

Dos antecedentes ata a figura de Carvalho Calero

A exposición «Nós» de onte a hoxe: 100 anos de historia ten como lema «Ser diferente é ser existente» e artéllase en torno a tres eixos. O primeiro tenta explicar os antecedentes que levaron ao nacemento da publicación no ano 1920, como herdeira directa do espírito das Irmandades da Fala (1916), de A Nosa Terra (1917) e da primeira Asemblea Nacionalista de Lugo (1918). «Se non fose por ese contexto non podería existir a revista Nós», asegurou o comisario. Neste apartado, por exemplo, queda claro como ese «nós» estaba enraizado, con dous precedentes que utilizaban o mesmo nome, un o Álbum Nós de Castealo e o outro un suplemento dun xornal publicado entre 1918 e 1919 con contido literario monolingüe en galego.

Na segunda parte da exposición inclúese un amplo apartado no que se pode apreciar o desenvolvemento do proxecto cultural da revista, incidindo na importancia que tivo na normalización do uso da lingua galega en todos os ámbitos, como a narrativa, o ensaio, así como na publicade ou nas artes plásticas. Explica que, se ben Castelao é figura clave no seu deseño -foi o director artístico-, a publicación tamén acolleu a outros artistas de diferentes xeracións, como Manuel Colmeiro ou Luís Seoane. «Neste segundo apartado están os eixos que nuclean os contidos da revista», indicou Bernárdez.

A última parte de «Nós» de onte a hoxe: 100 anos de historia ten como fío condutor a Ricardo Carvalho Calero por razóns que van máis alá de que o vindeiro ano se lle dedique o Día das Letras Galegas: «El foi o que definiu desde o punto de vista do seu traballo historiográfico o que é o discurso que hoxe temos ao respecto da xeración Nós». As súas verbas serven para achegarse ás figuras de a Ánxel Casal, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo.