Un certame escolar de curtas divulgará os valores da Senda dos Faros

E. A. R. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

As consellerías de Cultura e Educación promoven o concurso, que se presentou onte en Santiago
As consellerías de Cultura e Educación promoven o concurso, que se presentou onte en Santiago XOÁN A. SOLER

O Festival de Cans amplía o seu programa de catro a cinco días para exhibir as curtametraxes finalistas e organizar actividades co alumnado

11 dic 2019 . Actualizado a las 00:15 h.

Os faros galegos estanse a consolidar como un itinerario turístico, en parte polo deseño dunha ruta que se pode facer tanto en coche como por unha senda a pé ou en bicicleta, e que é moito más ampla, xa que consta de 53 etapas desde Tapia de Casariego (Asturias) ata Vila Nova de Cerveira (Portugal), con tres itinerarios complementarios polas illas de Ons, Cíes e Sálvora.

Divulgar este segundo trazo é un dos obxectivos do certame escolar de curtas promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación co apoio da Axencia Turismo de Galicia, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o Instituto de Estudos do Territorio e a Fundación Galicia Sustentable.

A convocatoria está dirixido a alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional básica, ciclos formativos de grao medio e ensinanzas especiais de grao medio.

As curtas finalistas proxectaranse no Festival de Cans, que na convocatoria do 2020 celebrarase entre o 19 e 23 de maio, un día máis que en anteriores edicións, co obxectivo de converter os traballos seleccionados nunha das propostas de referencia do festival, xa que, ademais do seu visionado, programaranse visitas guiadas por Cans para un cento de estudantes.

As bases inclúen premios en metálico para os tres primeiros de 600, 400 e 200 euros, respectivamente, para a compra de material audiovisual ou literario en galego, un premio especial do público e recoñecementos á mellor actriz e ao mellor actor de todos os traballos presentados, feitos obrigatoriamente en galego e cunha duración máxima de cinco minutos.

O prazo para presentar curtas está aberto ata o 30 de xaneiro. Cada centro poderá inscribirse con dous vídeos, e a participación ten que ser en grupo, cun mínimo de dous estudantes.

Coa elección da Senda dos Faros búscase «promover o valor lingüístico, patrimonial e paisaxístico da senda, unha ruta turística de alto valor tamén para a propia lingua de Galicia», segundo destacou na presentación do certame Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. O concurso tamén busca dinamizar o uso do galego entre a mocidade, especialmente o oral, promovendo unha imaxe positiva da lingua coa súa vinculación ás novas tecnoloxías da información e da comunicación.

Os vídeos que participen nesta convocatoria deben estar relacionados coa Senda dos Faros pero nun sentido amplo, favorecendo tamén a creatividade dos centros de ensino, xa que a modalidade dos traballos é totalmente libre, polo que ademais de curtas tradicionais tamén teñen cabida dramatizacións, videoclips e traballos de animación.