Comeza a cuarta edición de Novos Cinemas co pase de «Arima», da directora Jaione Camborda

A. B. PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

A actriz sarriá Verónica Quintela, nun fotograma do filme de Eloy Enciso «Longa noite»
A actriz sarriá Verónica Quintela, nun fotograma do filme de Eloy Enciso «Longa noite»

10 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A proxección de Arima, primeira longametraxe dirixida pola realizadora vasca afincada en Galicia Jaione Camborda, abre esta tarde a cuarta edición do festival pontevedrés Novos Cinemas. Será no Teatro Principal, onde estarán presentes a directora e o equipo da película. O acceso á proxección será de balde, previa retirada de convite antes do pase, ás 20.30 horas.

Ata o vindeiro domingo Novos Cinemas proxectará en Pontevedra Longa noite, cinta de Eloy Enciso que pechará esta edición; as primeiras imaxes de Eles transportan a morte, a nova película dos realizadores Helena Girón e Samuel Delgado; e tamén as primeiras imaxes de montaxe de Ons, a última obra de Alfonso Zarauza.

O certame será o primeiro en acoller en España unha retrospectiva do cineasta belga Bas Devos (Zoersel, 1983). O programa dedicado a Devos repasará as súas tres longas -rodou tamén catro curtas-: Ghost Tropic (2019), que poderá verse por primeira vez en España, e as estreas en Galicia Hellhole (2019) e Violet (2014).

O abono para asistir ás proxeccións de pago pode adquirirse a un prezo de 15 euros -ou por 3 as entradas individuais a través de ataquilla.com ou, unha hora antes do inicio, no propio Teatro Principal-. Ademais, durante a celebración desta edición, a organización anima aos máis pequenos da casa a participar no festival a través dun taller de creación de GIF animados e tamén na proxección dominical, para celebrar o vixésimo aniversario da película de animación O xigante de ferro. Hoxe, ás 17 horas proxectaranse tamén pezas xurdidas do obradoiro Habitar un rostro, no que se implicou alumnado da Universidade de Vigo.