O Parlamento galego homenaxea ao poeta da longa noite de pedra

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A homenaxe -que contou coa presenza de Luís Ferreiro, fillo do poeta- foi conducida pola actriz Isabel Blanco
A homenaxe -que contou coa presenza de Luís Ferreiro, fillo do poeta- foi conducida pola actriz Isabel Blanco parlamento de galicia

Editará unha biografía de Celso Emilio Ferreiro polos corenta anos do pasamento do escritor de Celanova, un libro que correrá a cargo do estudoso Ramón Nicolás

03 dic 2019 . Actualizado a las 15:15 h.

Celso Emilio Ferreiro non chegou a coñecer o Parlamento de Galicia, nin soubo sequera da súa existencia. Faleceu a finais do verán de 1979 e a Cámara galega botaba a andar un frío día do inverno de 1981. Aínda así, son tan infindas a figura e a obra do poeta da longa noite de pedra que a institución primixenia do poder autonómico quixo renderlle unha homenaxe con motivo do 40.º aniversario do seu pasamento, glosando a súa vida, recitando a súa obra e anticipando a inmediata publicación dun libro cuxa preparación correrá a cargo de Ramón Nicolás, biógrafo do grande autor de Celanova.

No Salón dos Reis do pazo do Hórreo foron convocados onte polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, familiares do escritor, como o seu fillo Luís ou o seu bisneto Benxamín, entre outros, xunto a deputados e persoeiros da cultura que describiron a Ferreiro como «un gran pandeireiteiro», un «cativador con acento popular» que, segundo o profesor Xesús Alonso Montero, actuou sempre como «unha espada contra a infamia».

Foi un home que frecuentaba a taberna e a conversa cos que alí atopaba. Contan que nunha ocasión comprobou que o seu interlocutor se definía como tradicionalista e carlista, así que o de Celanova encolleuse de ombreiros e soltou que el tamén era carlistas, pero de Karl Marx.

Nesa dirección apuntou a súa militancia política, que o levou a participar nos anos mozos nas Mocidades Galeguistas e mesmo na fundación da Unión do Povo Galego (UPG), da que se acabou desligando, para achegarse máis tarde ao PSG de Beiras e logo ao PSOE, xa nos momentos finais da súa vida. E tamén apunta nesa liña boa parte da súa obra de compromiso social, como sosteñen os que onte o lembraron, como Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), Alonso Montero ou Ramón Nicolás.

«Anque as nosas palabras sean distintas / e tí negro i eu branco / si temos semellantes as feridas / coma un irmáu che falo». Este é un extracto do poema Irmaus, que onte leu no Parlamento o seu bisneto Benxamín Ferreiro, que tocou un asunto tan actual como a emigración, vista como «a derrota dun pobo», pois moitas veces os emigrantes son vítimas que toman ese camiño forzados por causas alleas á súa vontade.

Outros poemas como Deitado frente ao mar, Moraima, Os ratos ou Esperanza foron recitados polos alumnos do IES Castelao de Vigo e do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova.

O propio Santalices, que falou do autor como «unha figura determinante» polo seu compromiso coa lingua e a cultura galegas, ten un recordo moi especial para o poema Bande, dedicado por Celso Emilio Ferreiro a seu pai, o farmacéutico Alfonso Santalices. É un poema que ten ritmo musical e case canta -porque, como dixo Alonso Montero, Celso Emilio «facía o amor e a guerra» coas súas palabras-, e que conta que «alá enriba está Bande [...] adeus, voume alonxando / anque por fora ledo / por dentro vou chorando».