Xesús Alonso Montero, Amancio Prada e a restauración do pórtico da Gloria, entre os Premios da Cultura Galega
CULTURA

Os galardóns tamén distinguen a Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, «O sabor das margaridas», Pilar Ponte e «Galego en Londres»
27 nov 2019 . Actualizado a las 12:35 h.O académico Xesús Alonso Montero, a artista Soledad Penalta, a compañía Monicreques de Kukas, o cantautor Amancio Prada, a serie de televisión O sabor das margaridas, a profesora Pilar Ponte Patiño, a restauración do Pórtico da Gloria e o programa Galego en Londres son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2019, segundo informou este mércores a Xunta.

Xesús Alonso Montero é o galardoado na modalidade de Letras. Expresidente da Real Academia Galega e colaborador de La Voz, é unha das referencias nos eidos da lingua, da historia da literatura e mais da sociolingüística, ademais dunha ampla obra investigadora e ensaística.

En Artes Plásticas o premiou recae en Soledad Penalta. Comezou a súa carreira en 1972 traballando coa cerámica e desenvolveu o seu traballo en talleres e seminarios con mestres como Isaac Díaz Pardo. Entre as súas obras destacan as fundicións en bronce, ferro e aceiro, como as pezas expostas no parque escultórico da torre de Hércules.
Monicreques de Kukas, que neste 2019 cumpre 40 anos, recibirá o galardón de Artes Escénicas. Creada por Marcelino de Santiago e Isabel Rey, a compañía é unha referencia na investigación e representación de monicreques, con espectáculos ambiciosos que transmiten propostas didácticas e sociais e contribúen á normalización do galego.

En Música o distinguido é Amancio Prada. Editou o seu primeiro disco, Vida e morte, en 1974 en París, e dende entón está considerado unha das principais voces da canción de autor. As súas adaptacións de Rosalía de Castro, García Lorca o San Juan de la Cruz figuran entre o máis senlleiro do seu repertorio.

O sabor das margaridas é a serie que recibirá o premio no apartado Audiovisual. A produción de CTV, Comarex e TVG desenvólvese nunha pequena vila do interior de Galicia na que se racha a calma a raíz da chegada dun tenente da Garda Civil. Integramente en galego, está incluída no catálogo da plataforma Netflix.

O premio de Lingua é para a profesora do IES Pobra do Caramiñal Pilar Ponte Patiño, participante no programa 21 días co galego, unha experiencia na que se anima aá mocidade a se expresar en galego, todo o día e con todo o mundo, durante tres semanas.

A restauración do pórtico da Gloria, promovido polas fundacións Catedral e Barrié, en colaboración coa Xunta e o Ministerio de Cultura, mereceu o honor na categoría de Patrimonio Cultural. A intervención non só tivo un aspecto material, senón que forneceu valiosa información sobre o monumento e as súas características.

Por último, os galardóns péchanse co apartado de Proxección Exterior, que distinguiu a Galego en Londres. Desenvólvese por parte do alumnado do centro Vicente Cañada Blanch de Londres, cuxas actividades supoñen un gran pulo ao coñecemento da lingua e cultura da Galicia fóra do seu ámbito xeográfico que a enriquecen e poñen en valor.