Fraguas e a fidelidade á cultura galega a través das súas raíces

A. S. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O simposio empezou este martes na sede da Real Academia Galega
O simposio empezou este martes na sede da Real Academia Galega Ángel Manso

Un simposio afonda na súa figura e destaca o seu compromiso co país

27 nov 2019 . Actualizado a las 09:30 h.

A curiosidade intelectual e unha vocación de esforzo e servizo levaron a Antonio Fraguas (1905-1999) a pescudar e sistematizar importantes coñecementos e achegas á cultura galega. Pero a súa sabedoría non era unha acumulación sen máis, senón que viaxaba en dúas direccións: cara ao pasado, para comprender e honrar ás xeracións precedentes, e cara ao futuro, como unha mensaxe dende as raíces proxectada para a construción do país e a súa cultura. «Antonio Fraguas é un exemplo non só de compromiso e de entrega ao país, senón tamén de conciliación», remarcaba Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, na que comezou este martes o Simposio Antonio Fraguas, antes de se mudar este mércores e xoves ao Museo do Pobo en Santiago.

O encontro tamén servirá para constatar que as achegas de Fraguas eran múltiples e moi diversas, como testemuñan os perfís variados dos falantes e tamén as perspectivas dende as que analizan a figura do protagonista do Día das Letras deste ano. A lingua, a paisaxe, a etnografía, a literatura oral... Todas elas son entradas válidas ao maxisterio de Fraguas e o corpus de coñecementos que atesourou e divulgou, sen esquecer o seu propio itinerario vital. «A senda que conduciu a Fraguas desde o seu Cotobade natal á cadeira que Castelao deixara vacante na RAG é un modelo de tesón, de humildade e de fidelidade á terra e á cultura», describiu María Xosé Fernández Cerviño, colaboradora súa durante décadas no Museo do Pobo. Un espírito que Justo Beramendi, presidente do Padroado da institución, relacionou co do vello Seminario de Estudos Galegos. E, xunto coa Academia e o Museo do Pobo, o Consello da Cultura tamén participou na organización colectiva do simposio, porque, como coincidiu a súa presidenta, Rosario Álvarez, a noción da acción común presidía os esforzos de Fraguas.

Pola súa banda, Antonio Reigosa, escritor e especialista en literatura oral, recreou algunhas das achegas de Fraguas ao coñecemento e á interpretación do rico repertorio de mitos, ritos e figuras sobrenaturais da cultura popular tradicional. «Como etnógrafo, Antonio Fraguas anota, describe e ordena con criterio todo canto considera de interese para a salvagarda e o coñecemento global da nosa cultura popular», explicou. E Francisco Díaz-Fierros subliñou a súa atención pola paisaxe, «nesa dedicación especial ás formas sinxelas e humildes do territorio e nesa ollada xenuinamente campesiña».