Cogordos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

27 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A sabedoría popular na maioría dos casos é un gran valor. Nós deberiamos de tela en conta como unha aprendizaxe que nos vén legada de quen viviu antes ca nós e conta cunha maior experiencia. Pero, sendo respectuosos e favorables con isto, tamén debemos saber cribar determinadas informacións que veñen tinxidas de prexuízos que se foron impondo nos diferentes procesos da historia e que quedaron fondamente arraigados.

Por poñer un caso, miña avoa dicía que nos fungos do monte aos que ela denominaba cogordos (cogomelos) habitaba o demo, e que por iso eran algo prexudicial ou tiñan relación co mal, polo tanto non se debían de comer e nin tan sequera tocar. E así, con este ditame tan contundente da tradición, case que ninguén recollía nin probaba os cogordos; non fora ser, precisamente, o demo.

Agora os tempos mudaron, e unha auténtica lexión percorre os montes galegos ansiosa por recollelos. Xente especializada en micoloxía e outra que o goza sinxelamente como puro contacto coa natureza. Non sabiamos a riqueza que estabamos a perder! Reverteuse neste caso, e dun xeito radical, aquela antiga tradición demoníaca de tan prezado manxar, e que influíu ate o punto de darlle nomes tan estrafalarios e desprestixiosos como peido de lobo, pan de sapo, de raposo ou de cóbrega, charuto do demo, rebentabois, etcétera.

E de onde vén todo isto? Pois probablemente de tempos que veñen ben de lonxe e relacionados coas prácticas da antiga medicina popular, e con diversos ritos nos que se empregaban fungos con propiedades alucinóxenas, tan habituais polos nosos montes e que a igrexa daquel tempo non contemplaba con bos ollos, aplicando o castigo divino de demonizar, ata o punto de crear unha profunda micofobia na práctica totalidade do territorio galego. Tan dese xeito era que nin os máis prestixiosos tratados de cociña galega de tempos pasados mencionaban o valor gastronómico deste manxar tan abondoso nos nosos montes.

Agora podemos dicir que xa somos unha potencia, pero tiveron que pasar uns cantos séculos.