Os manuscritos, en versión facsimilar, e toda a poesía de Rosalía, nun só volume

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Henrique Monteagudo, Víctor F. Freixanes, a artista Gosia Trebacz e o editor Manuel Mariño, onte na sede coruñesa da RAG
Henrique Monteagudo, Víctor F. Freixanes, a artista Gosia Trebacz e o editor Manuel Mariño, onte na sede coruñesa da RAG Ángel Manso

A artista Gosia Trebacz embelece a edición con nove obras gráficas, nun libro que enriquecen tamén as achegas de Henrique Monteagudo e Marina Mayoral

26 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Rosalía é esa voz universal, loitadora e feminista que cultivou unha poesía social ata entón descoñecida. Con ela comeza o renacemento da literatura galega, ata converterse na voz do pobo que ama», afirmou onte o editor Manuel Mariño na presentación, na sede da Real Academia Galega (RAG), de Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos, magno volume que vén de preparar o seu selo coruñés Boreal. O libro inclúe a reprodución facsimilar dos escasos manuscritos da autora fundacional das letras galegas contemporáneas que se conservan, incluídas as últimas descubertas, entre elas a realizada no arquivo da Academia no 2014.

O tomo principal consta de 640 páxinas, está encadernado en pergameo e gárdase nun estoxo que contén tamén a contribución artística de Gosia Trebacz, autora das nove obras gráficas que inclúe esta tiraxe. «A miña achega é unha serie de retratos de Rosalía interpretados no ton do clima húmido galego, en papel vexetal de alta gramaxe. As transparencias e a textura do pergameo dialogan cos manuscritos, os apuntamentos e os seus marabillosos poemas. Unha parte dos retratos teñen un aire de arte pop, e outra, do tradicional», detallou a artista de orixe polaca afincada en Galicia dende hai décadas.

Ante o libro aberto (onte, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres) pola reprodución do poema A xustiza pola man, unha reivindicación feminista pioneira incluída en Follas novas (1880), o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, sinalou que esta edición «concíbese como unha celebración, e, ao mesmo tempo, coma unha homenaxe. Non substitúe outras iniciativas, por suposto, mais o seu promotor merece parabéns», subliñou para incidir que o traballo feito por Boreal constitúe «un esmerado produto editorial» que ademais contén «o tesouro da palabra, unha das voces máis intensas, auténticas, comprometidas e libres da literatura de todos os tempos».

A edición inclúe toda a obra poética de Rosalía en galego e castelán, o único relato en prosa que redactou en galego e as 16 cartas escritas por ela exhumadas a día de hoxe (catro delas en estado fragmentario). Todo isto acompáñase da reprodución facsimilar dos manuscritos autógrafos da autora que se conservan na actualidade e da súa transcrición. O secretario da RAG, Henrique Monteagudo, editou e revisou os textos, e Marina Mayoral contextualiza a obra poética e o tempo histórico en que esta se produciu.