Encontro arredor do cine e o maxisterio de Carlos Velo

Un simposio revisa a figura do director no seu 110.º aniversario


redacción / la voz

O pasado día 15 Carlos Velo tería feito 110 anos. A fundación do cineasta galego exiliado en México revisa, co gallo da efeméride, a figura deste director, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, onde se celebrará un simposio sobre a súa traxectoria e obra os días 27 e 28.

O encontro abordará aspectos de Velo como o papel que desempeñou no cine científico no seu país de acollida, onde foi un exemplo crucial para as novas xeracións de documentalistas e directores, na súa condición de creador do Centro de Capacitación Cinematográfica de México en 1975. Tamén se analizarán as obras audiovisuais vinculadas ao exilio e títulos como Torero, Pedro Páramo, Almadrabas ou Romancero marroquí. O encontro servirá para abordar asemade as súas referencias intelectuais e políticas.

No simposio participarán persoas que mantiveron relación co director, investigadores cinematográficos e estudosos da súa obra. Entre outros estarán nas xornadas de Compostela Iván Trujillo -discípulo de Velo, exdirector do Festival de Cine de Guadalaxara (México) e director da Televisión da UNAM (Universidade Autónoma de México)-, Miguel Anxo Fernández -crítico de La Voz de Galicia e autor da súa biografía e de varias obras sobre o realizador-, Luís Álvarez Pousa -amigo de Velo e organizador da homenaxe que se lle tributou nas Xornadas de Cine de Ourense de 1977-, José María Paz Gago, Fernando Redondo -autor de Carlos Velo: itinerarios do documental nos anos trinta-, Xosé Nogueira e Xosé Enrique Acuña. A matrícula é de balde, e o programa pode consultarse en www.fundacioncarlosvelo.com.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Encontro arredor do cine e o maxisterio de Carlos Velo