O xornalista de La Voz e escritor Xesús Fraga gaña o premio Blanco Amor

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

«Quería contar a emigración dende a parte dos retornados», di o autor de «Virtudes (e misterios)», a novela que acadou o galardón

24 nov 2019 . Actualizado a las 17:48 h.

Unha obra presentada ao Blanco Amor de novela co lema A miña familia e outros emigrantes foi a elixida polo xurado encargado de conceder o galardón como o mellor dos 23 traballos presentados á trixésima octava edición do premio, un dos máis importantes do panorama literario galego. O autor de Virtudes (e misterios), o título do orixinal a concurso, é o escritor e xornalista Xesús Fraga (Londres, 1971).

A novela, segundo se recolle na acta, recrea «as vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas, marcada pola emigración a América e a Europa. Trátase dunha historia asentada na realidade da segunda metade do século XX, ben vertebrada e contada a través dun variado mosaico de lembranzas, sensacións, testemuñas, fotografías e o diario dunha nai». Con Londres como epicentro narrativo, e Venezuela como contrapunto, o xurado salientou á hora de dar a coñecer a súa decisión «a relación interxeracional permanente entre o neto e a avoa, unha figura forte que representa a épica das mulleres galegas nun tempo de extremas limitacións». O tratamento da linguaxe e a variedade de rexistros fai que sexa «unha novela para todo tipo de lectores».

Experiencia familiar

O escritor e xornalista da sección de Cultura de La Voz de Galicia recoñecía que Virtudes (e misterios) «é un libro ao que lle andei dando moitas voltas porque é a historia dos meus avós, que é como moitas das acontecidas nas familias galegas pola importancia que tivo a emigración». O avó de Xesús Fraga era zapateiro e un día decidiu emigrar a Venezuela, deixando muller e tres fillas cativas. Pasou o tempo e a muller reclamouno, mais el non volveu e tampouco quixo que alá fose ela. Como non había posibilidade de ir a América, a avoa de Xesús Fraga decide emigrar a Londres para sacar a familia adiante. E leva consigo a unha das súas fillas, a nai do escritor. E foi así como o autor da historia dos seus avós rematou nacendo en Londres e, co paso dos anos, pechando o ciclo coa volta a Galicia.