O xornalista de La Voz e escritor Xesús Fraga gaña o premio Blanco Amor

«Quería contar a emigración dende a parte dos retornados», di o autor de «Virtudes (e misterios)», a novela que acadou o galardón


Unha obra presentada ao Blanco Amor de novela co lema A miña familia e outros emigrantes foi a elixida polo xurado encargado de conceder o galardón como o mellor dos 23 traballos presentados á trixésima octava edición do premio, un dos máis importantes do panorama literario galego. O autor de Virtudes (e misterios), o título do orixinal a concurso, é o escritor e xornalista Xesús Fraga (Londres, 1971).

A novela, segundo se recolle na acta, recrea «as vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas, marcada pola emigración a América e a Europa. Trátase dunha historia asentada na realidade da segunda metade do século XX, ben vertebrada e contada a través dun variado mosaico de lembranzas, sensacións, testemuñas, fotografías e o diario dunha nai». Con Londres como epicentro narrativo, e Venezuela como contrapunto, o xurado salientou á hora de dar a coñecer a súa decisión «a relación interxeracional permanente entre o neto e a avoa, unha figura forte que representa a épica das mulleres galegas nun tempo de extremas limitacións». O tratamento da linguaxe e a variedade de rexistros fai que sexa «unha novela para todo tipo de lectores».

Experiencia familiar

O escritor e xornalista da sección de Cultura de La Voz de Galicia recoñecía que Virtudes (e misterios) «é un libro ao que lle andei dando moitas voltas porque é a historia dos meus avós, que é como moitas das acontecidas nas familias galegas pola importancia que tivo a emigración». O avó de Xesús Fraga era zapateiro e un día decidiu emigrar a Venezuela, deixando muller e tres fillas cativas. Pasou o tempo e a muller reclamouno, mais el non volveu e tampouco quixo que alá fose ela. Como non había posibilidade de ir a América, a avoa de Xesús Fraga decide emigrar a Londres para sacar a familia adiante. E leva consigo a unha das súas fillas, a nai do escritor. E foi así como o autor da historia dos seus avós rematou nacendo en Londres e, co paso dos anos, pechando o ciclo coa volta a Galicia.

E, como os seus devanceiros, o neno rematou por ser un emigrante nunha terra que non coñecía e na que se falaba un idioma que non era o seu, aínda que rematou por selo e do dominio do mesmo dan conta os premios conseguidos nestes anos, aos que agora se suma o Blanco Amor. «A miña intención era facer unha historia da emigración, pero non como as que xa coñecemos. Quería contar a emigración dende a parte dos retornados, dos que regresan e xa non son a mesma persoa e se atopan cunha realidade que xa non coñecen». O Blanco Amor de novela, que organiza a Deputación de Ourense, está dotado con 15.000 euros e o acto de entrega celebrarase o día 30 no Liceo da cidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

O xornalista de La Voz e escritor Xesús Fraga gaña o premio Blanco Amor