Trinta anos dun fito do cine galego

miguel anxo fernández

CULTURA

«Sempre Xonxa», de Chano Piñeiro
«Sempre Xonxa», de Chano Piñeiro

Miguel Anxo Fernández lembra as estreas das tres longametraxes -«Continental», «Urxa» e «Sempre Xonxa»- na mostra Cinegalicia da que era comisario

21 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Naquel novembro chuvioso de 1989, do 23 ao 26, estreabamos en Vigo as tres primeiras longas galegas de ficción en formato estándar. Pretendíase reafirmarnos nun cine propio, sazonado co irrenunciable ingrediente da lingua. Exhibidores, filmadores, produtores, actores e escritores, confluíron neses días nas butacas do impoñente Teatro-Cine Fraga para arroupar a Continental de Xavier Villaverde, a Urxa de Alfredo García Pinal e Carlos A. L. Piñeiro e a Sempre Xonxa de Chano Piñeiro. Unha mesa redonda hoxe en Vigo (Marco, 19.30 horas), lembra ese fito.

Tocoume «comisariar» aquela Cinegalicia convidado polo subdirector xeral de Promoción Cultural, Antón Louro, en coordinación con Pepe Coira -daquela na Área de Imaxe en Cultura-, ambos do equipo do conselleiro Alfredo Conde, e coa responsable de cultura viguesa María Xosé Porteiro, co alcalde Manuel Soto á fronte. TVG sumábase co seu director Xerardo Rodríguez. Formaban o resto do equipo Manuel González e o citado Coira na programación; Xosé Enrique Acuña coa vistosa exposición Tres rodaxes; José Luis Cabo coa publicación Imaxe Galicia 1987-1989, a política audiovisual da Dirección Xeral de Cultura (1989); Pablo Sampedro na coordinación técnica, e Carmen Carballo para a difusión, mentres a min tocábanme ás tres estreas. No citado Fraga e no Centro Cultural CaixaVigo desenvolveríanse tres paneis, retrospectivas, unha escolma do nacente cine das autonomías, ao tempo que se artellaba un punto de encontro para o sector.

«Continental», de Xavier Villaverde
«Continental», de Xavier Villaverde

A imaxe incorporábase en coordenadas de normalización ao acervo cultural do país, insisto, consecuencia dun proceso de tempos pretéritos. O xoves 23 correspondeulle a gala de apertura -que como as restantes presentou a televisiva Begoña Fontenla-, a Xavier Villaverde e Continental, acompañado de Marisa Paredes e Alberto Alonso representando ao reparto. O filme, en clave de thriller nun tempo indeterminado da posguerra, amosaba a un cineasta moi interesado no coidado visual e máis no risco narrativo, e ao tempo traballaba con actores de aquí (Nancho Novo, Xosé Lois González, Elina Luaces, Marisa Soto…), acompañando aos xa citados e mais a Eusebio Poncela, Feodor Atkine, Héctor Alterio, Cristina Marcos e Jorge Sanz, entre outros. Seguiulle Urxa, produción modesta sobre un guión que refundía tres curtas, nunha proposta que lindaba co fantástico, no seu retrato de muller en tres momentos diferentes do século XX. Pinal e Piñeiro acompañáronse no escenario de Luma Gómez e Ernesto Chao, representando o resto do elenco, todo galego.

Para Chano Piñeiro reservouse o sábado polo factor diferencial que aportaba Sempre Xonxa. O de Forcarei pelexara tres anos contra os elementos, e ademais fincara raíces en Vigo coa súa dona Mariluz, ambos boticarios. Ante os medios compareceron Uxía Blanco, Xavier Lourido, Miguel Insua, Roberto Vidal Bolaño, e o compositor Pablo Barreiro. Non cabía unha palla no Fraga, a onde Chano levou a case todo o equipo. Propuña unha trama realista, co mundo rural presente e o drama de emigración ás Américas, enfiada arredor de Xonxa. Non sei se o adxectivo apoteose lle presta a aquela sesión, pero o público aplaudindo en pé foi imaxe gardada na retina para cantos estivemos alí. Para nós era o remate perfecto. Xa non tiñamos dúbidas de que a frase que Chano reiteraba, a de «o cine galego é posible, o cine galego é necesario» collía corpo.

«Urxa», de Alfredo García Pinal e Carlos A. López Piñeiro
«Urxa», de Alfredo García Pinal e Carlos A. López Piñeiro

Un ecosistema plural e equilibrado

Agora que voaron trinta anos, que a morte nos levou a Chano, que Pinal e Piñeiro non farían outra longametraxe, e que Villaverde foi o único que estrearía máis filmes en adiante, a realidade actual confirma que convencemos á sociedade e aos xestores públicos en particular sobre a idea de apoiar o cine de seu como investimento de futuro. No simbólico remataba un proceso comezado en 1974 polo ourensán Eloi Lozano e a súa curta en 35 mm Retorno a Tagen Ata sobre texto de Ferrín, poñendo o ramo aos esforzos que adiantaran outros autores no heroico súper 8 mm e no 16 mm desde finais dos anos sesenta. Ao tempo, sen deixar o simbólico, pechábase case un século de acción cinematográfica no país sen outra motivación que a derivada do seu traballo. Foi como chegar a meta da carreira iniciada polo pioneiro José Sellier Loup na Coruña de finais do XIX. Desde aquela, sen deixar de considerar as mudanzas do audiovisual global, co medre do apoio institucional, os avances tecnolóxicos e os de formación, o que naquela Cinegalicia só era un proxecto de ilusión, agora é unha realidade conformada nun ecosistema equilibrado e plural con ducias de títulos producidos, no que conviven o produto industrial estandarizado e a obra de autor máis singularizada, mesmo co engadido de ter forte presenza nos grandes festivais internacionais. Aqueles catro precursores de 1989 son agora unha lexión, sempre para ben.