Tanxugueiras: «Se non deixas un legado, isto morre»

Co seu novo traballo, «Contrapunto», que lanzan o próximo venres, Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro elevan as súas voces como principal instrumento

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro amosarán en Celanova o seu novo disco o próximo xoves
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro amosarán en Celanova o seu novo disco o próximo xoves

santiago / la voz

Contrapunto é unha viravolta significativa de Aida Tarrío (Ribeira, 1997) e as irmás Olaia e Sabela Maneiro (Teo, 1990), as Tanxugueiras. Neste seu segundo traballo, que saíu á luz hai unha semana, priman as voces sobre o concepto banda que tivo o seu primeiro disco. Manteñen só a percusión do berrogüetto Isaac Palacín e fan unha coidada escolma de letras, que transitan entre a tradición e a proclama reivindicativa. A xira para presentar o álbum arrancou este venres en Mos.

Pregunta. Deixan a banda.

Olaia Maneiro. Quixemos facer un disco noso, que representara a nosa música, e prescindimos da banda, pero para o próximo sabe Deus! É un disco feito totalmente por nós e por Isaac Palacín, e non viamos que cadrara coa música que estabamos facendo.

Aida Tarrío. As voces son a nosa especialidade, é o que máis controlamos, á parte da pandeireta, e queriamos que fose soamente vocal e con percusión, e o directo tense que reflectir igual. Guitarra, baixo e acordeón sobraban.

P. Que tal o primeiro disco?

Sabela Maneiro. Viñamos de ser pandeireteiras, que foi o que fomos sempre, e apetecíanos traballar con instrumentos, e a experiencia foi magnífica: acadamos premios, xiramos moitísimo... Témolo como un moi bo recordo.

P. Mais tiraron por unha proposta diferente.

A. T. Cando o fixemos hai tres anos acababamos de entrar neste mundo. Este ano vimos que eramos capaces de facer un disco nós soas, e para adiante!

P. Enténdese que a proposta é máis Tanxugueiras?

O. M. Simplemente polo feito de que no anterior disco houbo un produtor, un pedazo de músico facendo o disco, que é Pedro Pascual, e neste estamos nós soas. E cos arranxos de percusión estivo Isaac. Non hai máis maneira de ser nós que facéndoo nós.

A. T. Este é Tanxugueiras si ou si, se che molamos nós vaiche molar, e se non... É o que hai.

P. Hai reivindicación, e a da muller é explícita.

S. M. Cremos que todo o disco é unha reivindicación da muller.

A. T. Toda a nosa carreira é unha reivindicación da muller.

S. M. Temos alma reivindicativa, e seremos reivindicativas ata que morramos. Para nós, estar enriba dun escenario é algo reivindicativo, demostrar que nós valemos e que podemos estar á altura de calquera músico.

P. Máis tradición e máis teatralización é o que anuncian.

O. M. Temos pezas moi de teatro, moi de película. O disco anterior era como música superbonita, pero levando as pezas a outros sons... Este non foi pensado así.

S. M. As letras son moi importantes.

A. T. O feito de contar unha historia.

S. M. Co canto galego, coa tradición e coa nosa forma de cantar contamos unha historia enriba dun escenario, cando antes era un concerto sen máis.

P. Quen tedes de referente? Leilía...

O. M. Leilía é un grupo que todas miramos; grazas a elas as pandeireiteiras estamos onde estamos. Pero bebemos de todas as fontes: do pop, música en galego, Guadi Galego, Xabier Díaz, Aliboria, Sés...

A. T. Máis que mirar cara atrás miramos cara adiante, e cara á xente que está facendo algo a día de hoxe.

P. Neste disco hai moita copla tradicional.

A. T. Hai moitas pezas tradicionais, todas menos un par, que fixemos nós, e que algún día serán tradicionais. Só temos unha de arriba a abaixo tradicional; o resto collemos unha copla deste sitio, outra doutro e unha melodía daquel. Baseámonos na tradición, e a partir de aí facemos o que nos dá a gana, sinceramente.

P. De que lado están no debate de como se transmite a día de hoxe a tradición?

O. M. O purismo existe en todas as músicas, pero poñamos como exemplo o jazz ou o rock and roll, que foron cambiando, e a nosa música tamén ten que evolucionar. Están moi ben os traballos etnográficos, pero é difícil sentar cátedra de algo que non sabes como foi, porque ti recollíchesllo a unha señora e se vas vinte anos atrás soaría distinta. Nós queremos levar a música tradicional ao máximo expoñente, pero iso ten que variar un pouco e as pezas hai que poñelas aos tempos de hoxe. Hai que seguir creando música tradicional, porque queremos que dentro de 60 anos o que cantamos hoxe siga sendo tradicional. Nós temos coplas que escribimos para este disco e decidimos non deixalas na nosa autoría, senón que queremos que sexan coplas tradicionais, populares.

S. M. Se non deixas un legado, isto morre.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Tanxugueiras: «Se non deixas un legado, isto morre»