Ramón Villares: «Galicia é máis ca un país e menos ca un Estado, unha nación cultural»

En «Galicia. Una nación entre dos mundos» o historiador destaca a súa dobre vertente europea e americana

No libro Villares dá unha imaxe distinta de Galicia
No libro Villares dá unha imaxe distinta de Galicia

Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago e presidente do Consello da Cultura Galega entre o 2006 e o 2018, Ramón Villares (Xermade, Lugo, 1951) é un dos intelectuais galegos máis relevantes. Acaba de publicar Galicia. Una nación entre dos mundos (Pasado & Presente), un libro co que pretende «explicar o que é Galicia, axudar a entendela e a que sexa comprendida».

-Galicia está presa de moitos estereotipos, dalgúns clixés negativos, que felizmente se foron superando, pero non deixamos de ser vistos coma un pobo que está alá na Fisterra, nunha esquina verde, que non se sabe se sobe ou se baixa. Eses estereotipos son froito da preguiza. No libro preséntase unha imaxe de Galicia distinta, a dun pobo europeo e americano ao mesmo tempo por distintas razóns e en distintas épocas, de aí o título.

-No prefacio asegura que «os galegos, malia os tópicos que os asedian, saben o que son e actúan en consecuencia. O asunto máis delicado é aceptarse como tales e, sobre todo, ser capaz de explicalo para ser entendido polos demais». Por que teñen esa dificultade de explicar como son?

-Non o sei, entrariamos no campo da psicoloxía de masas e a antropoloxía. Eu creo que o galego, por definición, é un resistente, e non gasta moito tempo en explicarse, porque non trata de convencer o outro, senón de seguir sendo o que é. O galego sabe o que é e recoñécese en calquera parte do mundo como tal, e fai gala de selo. Iso non quere dicir que sexa politicamente moi activo nin moi militante nin nacionalista, senón que se manifesta e se considera como galego, e iso paréceme un valor moi importante.

-Explica que Galicia é unha nación cultural. Que significa iso?

-Quere dicir que somos máis ca un país e menos ca un Estado. No mundo hai moitas nacións e só 192 estados integran a ONU. Non somos un país nin unha rexión desde o punto de vista político, senón unha nación cultural cun perfil propio. E, ademais, é un recoñecemento do papel que tivo a cultura na definición de Galicia como suxeito político e cultural, porque desde o Rexurdimento os poetas, os historiadores e os artistas foron moito máis activos ca os dirixentes políticos. Galicia ten un déficit de organización política de carácter nacional, pero en cambio hai unha achega intelectual desde o Romanticismo ata hoxe extraordinaria.

-Por que non existe unha reivindicación nacional tan forte coma en Cataluña ou no País Vasco?

-Sobre todo polo seu déficit de institucionalización desde a época medieval: Galicia foi un reino pero sen rei, houbo xuntas do Reino pero non eran unha expresión política. Foi máis ben unha sociedade campesiña, moi comunitaria, parroquial, e moi avalada pola igrexa, que foi esencial como cabeza dun universo cultural. En Galicia non houbo unhas elites capaces de comandar ese proceso de construción dun proxecto nacional.

-Dedica unha parte do libro ao que chama a invención do celtismo e do medievalismo.

-Son unha creación da cultura contemporánea. Quería demostrar que na procura de pasados heroicos, que é o que todas as nacións europeas fixeron, temos unha orixe dobre. Unha parte máis racial ou étnica, que é a orixe celta, e outra medieval, máis social, froito das loitas do pobo polas súas liberdades contra os bispos e os señores. En principio impúxose o patrón celta, e logo o medieval. Eu dígoo cunha metáfora: que os castelos venceron aos castros. Gústame moito evocar unha frase da historiadora Anne Marie Thiesse, autora de A creación das identidades nacionais, que di, un pouco de broma, que a construción das nacións é coma o sistema Ikea: cada un compra unhas pezas e componas de distinto modo. Os compoñentes, a lingua, o dereito, a arte, os mitos, mestúranse de forma distinta en cada lugar.

-Pero a orixe celta de Galicia é pura invención.

-Galicia tardou moitísimo en ser identificada como celta. Cando se facían congresos celtas en Gales ou Irlanda no século XIX Galicia non estaba presente. Isto é algo moi tardío, do século XX. E decae porque a arquitrabe do celtismo é a lingua, e a galega é románica, non celta. O celtismo recuperouse a través sobre todo da música. O celtismo agora é unha especie de ethos, de sentimento, de paixón, incluso estética.

-Na orixe medieval destaca a Pardo de Cela. Foi en realidade heroe ou é un mito?

-É un mito moi interesante. Viuse como un exemplo galego semellante aos comuneiros de Castela ou ás xermanías valencianas, unha especie de garante das liberdades galegas. Foino realmente? Non. Pero foi visto así. E iso é o que vale, porque a historia non é só como aconteceu, senón como nós a percibimos.

«A importancia da emigración foi decisiva»

Villares dedica a parte final da súa obra á conexión americana de Galicia, con tres ensaios, sobre Buenos Aires, A Habana e o Brasil.

-Que importancia tivo a emigración na construción nacional de Galicia?

-Foi decisiva. Porque, en certo xeito, Galicia foi e volveu en barco con moitas maletas. É un exemplo de nación portátil e extraterritorial, non fixa nin territorial, que se constrúe cos recordos e as accións de millóns de emigrantes.

-Por iso lle dedica o terceiro capítulo do libro.

-Insistín moito niso por dúas razóns. Unha, para recoñecer e integrar na historia de Galicia o papel da emigración, que me parece fundamental porque é a orixe dos propios signos identitarios de Galicia. A grandeza desta emigración galega é que non perdeu o contacto coa súa terra, que non forma parte das elites, senón que é xente común, pobre en moitos casos, ou clase media. A segunda razón é que me interesaba moito, en comparación coa tese máis xeral da cultura española, que sempre insiste nesa idea orteguiana, que España é o problema e Europa a solución, algo que en Galicia tamén tivo os seus valores; eu creo que Galicia debe ser vista tamén como unha obra de América. Hai un punto de americanización moi forte. Nunca perderon a súa condición de galegos nin renuncian a iso. Que aos españois nos chamen galegos en América Latina non é casual.

-Como explicaría o que é Galicia máis aló dos tópicos?

-É unha alta cultura europea, cun peso moi forte non só da igrexa, senón das clases populares, especialmente do campesiñado, xente modesta pero traballadora, que se esforzou moito por incorporarse á modernidade e que o logrou en Galicia e en América, e que hoxe é unha nación cultural europea, incluso con máis ambición de ser recoñecida como tal e moito máis internacional que outras moitas comunidades autónomas. Hai unha idea turística, con prexuízos, que di que Galicia é un lugar de choiva, mariscos e choiva. Pero á parte diso hai outras cousas: innovación, apertura e vontade de estar no mundo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
35 votos
Comentarios

Ramón Villares: «Galicia é máis ca un país e menos ca un Estado, unha nación cultural»