«Mil cristiáns contra vinte mil mouros»

Xosé Manuel González Reboredo publica un amplo estudo sobre as celebracións de mouros e cristiáns en Galicia e outras zonas do noroeste, xunto co norte de Portugal

Romería da Virxe da Franqueira
Romería da Virxe da Franqueira

redacción / la voz

«Mil cristianos eran poucos / para vinte mil mouros negros, / pero a Virxe da Franqueira / púxolles diante o seu Neno, / e con forzas sobrehumanas / os mil cristianos venceron». Arredor de 1925 Ramón Cabanillas acudiu á Franqueira, na Cañiza, e desas visitas naceron dous textos para as representacións que enfrontan a un cristián cun mouro.

Á da Franqueira é unha das festas de mouros e cristiáns que se celebran en Galicia e ás que Xosé Manuel González Reboredo (Lugo, 1946) vén de dedicar unha ampla monografía de máis de cincocentas páxinas. Festas con representacións de mouros e cristiáns en Galicia e terras do noroeste veciñas (Edicións Fervenza) é un detallado estudo destas manifestacións culturais, que, malia non ter o número ou sona das de Levante ou Andalucía, xa se ocuparon delas Vicente Risco, Taboada Chivite, Fernández-Oxea e Touceda Fontenla, interese que agora se concreta nas investigacións de González Reboredo.

Estas celebracións localízanse no noroeste, en xeral, en comunidades rurais pequenas que ademais viven un declive demográfico. Porén, hainas que convocan a público numeroso, como a da Saínza, en Rairiz de Veiga, ou o caso do Auto da Floripes (As Neves-Viana do Castelo), «a obra de teatro popular máis emblemática de Portugal», segundo González Reboredo. Nas páxinas do seu libro aparecen as tres festas que se celebran en Laza (Laza, Tres e Retorta), «que se deben a unha persoa que exercía un oficio ambulante, o de capador, por terras de Cuenca e quizais de Valencia, quen trouxo un texto para Galicia nunha data que oscila entre finais do XIX ou comezos do XX, o cal se difundiu e botou raíces aquí». No caso da Franqueira, o especialista cre que non pode ser anterior ao século XVIII, e baséase «nun milagre atribuído á Virxe en canto a liberación de prisioneiros en África».

 

Festa da Saínza, en Rairiz de Veiga
Festa da Saínza, en Rairiz de Veiga

Festas desaparecidas

Houbo lugares, como por exemplo Santiago, onde se celebraban e desapareceron. González Reboredo explica que non hai unha causa única sobre por que nuns lugares as festas se mantiveron, mentres que noutros morreron. Entre os factores que xogaron contra as celebracións, cita os «cambios que introducen novas modas festivas e conseguinte abandono das máis antigas, prohibicións por parte de poderes autoritarios, falta de xuventude e de poboación en xeral, sendo este un factor moi importante de decadencia de festas na Galicia rural dos últimos decenios, dada a situación de catástrofe demográfica na que está asolagada».

Os motivos que inspiraban a festa son tamén varios. O Santiago da lenda de Clavijo e a Reconquista estaba presente en manifestacións desaparecidas pero documentadas, e mantense tamén en algunhas representacións actuais. Pero González Reboredo tamén cita a influencia que tiveron os ataques dos corsarios turco-berberiscos na Europa cristiá entre os séculos XV e XVIII ou a da épica carolinxia: «Reflíctese en casos como o de Mouruás, onde os cristiáns son Carlos Magno, Oliveiros e outras figuras desta tradición». «Por último, hai que ter en conta a influencia recente de guerras como a de Marrocos do ano 1859-60, que deixou pegadas como a de que o xefe dos mouros en Mouruás levase o nome de Muliabás, é dicir, de quen mandaba o exército do sultán de Marrocos que combateu aos soldados dirixidos por xenerais como O’Donell ou Prim», engade.

En cambio, a relación dos mouros e cristiáns coas moitas lendas de mouros e tesouros de Galicia, «limítase sinxelamente a que nun e noutro caso o mouro é unha maneira de simbolizar ao “outro”, ao estraño ou especial no noso mundo a na sociedade», cita o autor do estudo. Outro vínculo destas manifestacións son algunhas danzas gremiais. «Danzas asociadas a unha escenificación dunha loita de mouros e cristiáns están moi ben documentadas no pasado de Galicia, e sobreviviron nalgúns casos en Portugal, ata hoxe, ou na Cabreira leonesa, limítrofe con Galicia ata mediados do século XX».

 Preservar para o futuro

O libro de González Reboredo, a través do coñecemento, contribúe non só á investigación destas manifestacións do patrimonio cultural galego, senón tamén ao seu futuro. Con algunhas desaparecidas e outras en risco, considera que se debe «conservar a súa memoria mediante tres medidas: investigalas, gardar a súa memoria e difundilas». «Neste sentido, direi que os materiais recollidos nesta investigación -fotografías, textos, documentación, gravacións audiovisuais- están a ser incorporadas ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, unha sección do Instituto de Estudos das Identidades, é dicir, o departamento de investigación do Museo do Pobo Galego», apunta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Mil cristiáns contra vinte mil mouros»