Exeria peregrina a Compostela

A mostra «Galicia, un relato no mundo» incluirá o manuscrito do «Itinerario de Exeria», no que a aristócrata da Gallaecia romana narra a súa viaxe a Terra Santa

Técnicos do Gaiás preparan o manuscrito chegado dende a Biblioteca de Arezzo para a súa exhibición na mostra «Galicia, un relato no mundo». Á dereita, recreación da autora do relato, Exeria
Técnicos do Gaiás preparan o manuscrito chegado dende a Biblioteca de Arezzo para a súa exhibición na mostra «Galicia, un relato no mundo». Á dereita, recreación da autora do relato, Exeria

Redacción / La Voz

Galicia recibirá por primeira vez o manuscrito máis antigo que se conserva do Itinerario de Exeria, relato no que esta aristócrata da Gallaecia romana -considerada por moitos a primeira escritora da Península- narra a súa peregrinación a Terra Santa, e que tamén se ten polo primeiro libro de viaxes do que se garda constancia en España. O Gaiás exhibirao no marco da mostra «Galicia, un relato no mundo», a primeira das tres exposicións internacionais que a Xunta promove polo Xacobeo 2021 e que abre as súas portas o próximo venres na Cidade da Cultura.

O libro -que chegou xa ao Museo Centro Gaiás- procede da italiana Biblioteca de Arezzo, onde se conserva actualmente. Peregrinatio Egeriae dá conta da aventura que hai dezasete séculos (no IV d. C.) emprendeu esta aristócrata, cuxa curiosidade a impulsou a coñecer os escenarios bíblicos. Foi así como partiu de Galicia para alcanzar Terra Santa, unha empresa que quedou reflectida no diario que ía redactando a xeito de cartas e na que describiu algúns dos lugares polos que pasaba, como Exipto, o Sinaí, o val do río Xordán, Belén, Xerusalén, Xericó, Samaria, Tiro, Antioquía, Edesa, Tarso ou Constantinopla.

O texto está recollido no Codex Aretinux 405 (onde aparece cosido xunto a fragmentos de pensamentos e himnos de san Hilario de Poitiers), que en 1884 descubriu o erudito e arqueólogo italiano Gian Francesco Gamurrini cando poñía orde nos documentos da Biblioteca della Confraternita dei Laici, en Arezzo, onde, por certo, segue. Segundo os estudosos, data do século XI, momento no que tería sido transcrito -a partir dun manuscrito anterior-, probablemente no mosteiro de Monte Casino. O texto que se conserva dentro do Codex Aretinux 405 só recolle as pasaxes do periplo de Exeria correspondentes ao Mediterráneo oriental.

O Itinerario... é unha das máis de 300 pezas que integran «Galicia, un relato no mundo», que explora os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo, co Libro das Invasións, o mapa de Sawley ou a Biblia Kennicott.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Exeria peregrina a Compostela